Varios institutos da comarca van realizar hoxe actividades para conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, atendendo á convocatoria da Coordinadora Galega de Equipos de Dinamización Lingüística.
Os centros participantes lerán á mesma hora, ás doce do mediodía, o poema Deitado frente ao mar, publicado en Longa noite de pedra. Así o farán nos institutos Armando Cotarelo de Vilagarcía, A Basella de Vilanova, Illa de Arousa e no de Valga. Neste último centro, o rapeiro galego García Mc interpretará unha versión rapeada deste poema, entre outros, e haberá unha lectura do poema en sete linguas por parte de alumnos e profesores. Tamén se presentará o tráiler dun documental que se estrea sobre a vida e obra de Celso Emilio Ferreiro.