Váquez: «O BNG non vai estar nun goberno modelo andaluz de recorte "si, bwana?"

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Os nacionalistas establecen como meta «unha Galiza na que vivir con dignidade»

09 oct 2012 . Actualizado a las 06:51 h.

Dende o comezo da campaña, o BNG vén establecendo unha serie de ideas forza sobre as que orbita a súa mensaxe electoral. O avance no autogoberno coma instrumento para mellorar a vida, a economía e o emprego. A necesidade dun cambio fiscal que favoreza a tributación de grandes empresas, coma Inditex ou Gas Natural Unión Fenosa, en Galicia, tal e como sucede co concerto do que gozan o País Vasco e Navarra. A creación dunha banca pública galega. A intervención pública para construír un modelo forte sobre os sectores produtivos do país, algo especialmente sensible nunha bisbarra coma a do Salnés. Estes foron os elementos que onte marcaron a liña argumental coa que a número 3 da candidatura nacionalista, a cambadesa Montserrat Prado, e o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, se presentaron en Vilagarcía. Foi Vázquez quen resumiu o seu obxectivo nunha frase: «Non renunciaremos a unha Galiza na que vivir e traballar con dignidade».

O contrapunto necesario, subliñaron ambos, é a «rebelión fronte o saqueo e á rapiña» que atopan nos mercados, ao servizo, «dunha minoría». Segundo o voceiro do BNG, a política de «brazos cruzados» -de «tertuliano», matizou Prado- que atribúe a Núñez Feijoo non só é «suicida» no económico e no social, senón que tamén condena a Galicia «a unha irrelevancia política total». Cómplices necesarios desta situación, engadiu Vázquez, son os «gobernos de recorte por imperativo legal e "si bwana", dos que puxo como exemplo ao andaluz, conformado por PSOE e Izquierda Unida. «Un modelo -dixo- no que o BNG nunca vai estar».