O BNG elixe Vilagarcía para abrir a campaña cun acto na Peixería

vilagarcía / la voz

AROUSA

04 oct 2012 . Actualizado a las 06:34 h.

O escenario electoral por excelencia en Vilagarcía, a praza da Peixería, foi o lugar elixido polo Bloque Nacionalista Galego para abrir a campaña para as vindeiras eleccións autonómicas. Mañá venres, polo tanto, a partir das oito e media, os nacionalistas comezarán a engraxar a súa maquinaria co obxectivo de acadar o día 21 os mellores resultados posibles.

Para facelo estarán en Vilagarcía o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Francisco Jorquera, e o cabeza de lista por Pontevedra, Carlos Aymerich. Ademais, intervirán neste primeiro mitin as candidatas da comarca do Salnés ao Parlamento de Galicia, Montse Prado e Rosa Abuín. Na Peixería comezará, polo tanto, a campaña electoral do BNG, que terá como lema «Para facerlles fronte. Gobernemos nós a nosa terra». O BNG aproveitará para presentar as súas propostas para as eleccións galegas que se celebrarán o día 21.

Con este lema, din os nacionalistas, queren «plantarlle cara aos que non se presentan ás eleccións, aos que toman as decisións na sombra». Trátase tamén, segundo explican, de facerlles fronte «aos gobernos que fan o que lles mandan os poderosos», e aos que eliminan dereitos sociais e laborais, «e aos que queren que Galiza non decida». Será este da Peixería o primeiro acto da campaña, pero non o primeiro que o BNG desenvolve nos últimos días na comarca, onde estivo, por exemplo, na vendima ou nun encontro co sector do mar no Grove.

Pero como a actualidade segue o seu rumbo, e dado que os datos do paro no Salnés volveron ser negativos durante o mes de setembro, a candidata nacionalista Montse Prado quixo onte facer unha valoración sobre este tema. Para Prado, «o altísimo incremento do paro no Salnés é unha consecuencia da nefasta política económica do PP», ao que acusan de estar afundindo aos sectores produtivos mentres atenden ás necesidades de capitalización dos bancos e desoen as necesidades crediticias de empresas e de familias.

Para o BNG, o sector turístico da comarca debería ser obxecto de serios programas de desestacionalización para acabar coas cifras negativas, «que este ano chegan ao vergoñento récord de que un terzo dos novos parados de Galicia se concentren na nosa comarca».

Ademais, o BNG propón medidas económicas para reactivar os sectores produtivos, e outras como a tarifa eléctrica galega.