Un curso aborda na Illa o patrimonio lúdico galego

Conferencias, obradoiros didácticos, presentación de libros e prácticas de navegación son algunhas das propostas


vilagarcía / la voz

O xogo é unha das primeiras ferramentas no proceso formativo dos cativos, daí que sexa un recurso educativo de primeira orde. Se a esta circunstancia lle engadimos que o galego é un espazo enormemente rico en xogos tradicionais teremos a explicación de por que unhas xornadas sobre patrimonio lúdico e educación. Se ademais pensamos na tradición mariñeira da Illa, que mellor escenario que o municipio enclavado no medio da ría para achegarse ao patrimonio lúdico costeiro. Así que os días 21 e 22 deste mes, venres e sábado, a localidade será sé da cuarta edición dos cursos que, sobre xogos tradicionais, organizan a Asociación galega do xogo popular e tradicional e Nova Escola Galega.

O curso está dirixido a profesionais da educación e do tempo libre, aínda que a asistencia ás conferencias será libre. Entre outros relatores estarán presentes os investigadores galegos Apolinar Graña Varela e Uxío Rodríguez Fernández. Pero vaiamos por partes.

As xornadas abriranse no instituto da Illa o día 21 pola tarde, e como a práctica adoita ser a mellor conselleira á hora de adquirir coñecementos, inauguraranse coa aprendizaxe de xogos tradicionais. Seguidamente desenvolveranse unha serie de obradoiros didácticos nos que se abordará a relación dos xogos tradicionais con outras disciplinas coma a música, as artes e as tecnoloxías e a natureza.

Para finalizar a xornada, e como boa anfitrioa que é A Illa, un empresario arousán, Artur Nieto, acompañará aos participantes no curso a unha visita guiada por algúns dos lugares máis representativos do municipio.

A mañá do sábado empezará ben cedo, ás nove e media, no auditorio municipal. Alí haberá unha conferencia sobre o patrimonio lúdico costeiro, a cargo de Apolinar Graña. Despois presentaranse varias publicacións, entre elas Tastarabás, unha enciclopedia sobre xogos tradicionais que está a piques de saír ás librarías. Dous relatorios sobre xogar no Barbanza e as embarcacións tradicionais galegas, esta última a cargo do arousán Uxío Allo, da escola de navegación tradicional de Dorna, completarán esta intensa mañá.

Pola tarde, os participantes no curso terán ocasión de tomar parte dun obradoiro práctico de aprendizaxe e navegación nunha das mellores compañías para facelo, a da experimentada xente de Dorna.

Artesáns mostrando o seu traballo, un obradoiro de construción de xogos e xoguetes e unha exposición da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial son outras das propostas desta completa programación. Ademais dunha que seguramente será todo un éxito na Illa, un documental que os alumnos do instituto de Melide gravaron na localidade arousá recollendo testemuños sobre xogos tradicionais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Un curso aborda na Illa o patrimonio lúdico galego