«Hoxe o BNG xa non representa a todo o espectro nacionalista»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Para Trigo, a fronte ignora o acordo entre ideoloxías que era a súa esencia

26 feb 2012 . Actualizado a las 07:03 h.

O xoves, a media tarde, Francisco Trigo poñía fin a 30 anos de militancia no BNG.

-¿Como se chega a tomar unha decisión coma esta?

-O convencemento de que o proxecto, dende o meu punto de vista, deixou de ser unha fronte. É público e notorio que eu fun unha das persoas que máis apostou polo modelo frontista. Pero este modelo está esgotado dentro do Bloque e cómpre construír unha nova forma organizativa. Nunca vou falar mal nin teño nada contra do BNG, iso sería unha terrible contradición, pero xa non é o meu modelo.

-Ás veces non é doado entender o que sucede nese nivel interno. ¿Por que rompe o modelo?

-O BNG non era cousa dun home un voto, porque ademais de militantes individuais está conformado por forzas políticas. É dicir, por ideoloxías diferentes. Temos un nexo de unión, o progresismo, o antiimperialismo e o sentimento do país, o nacionalismo, que non é unha ideoloxía, senón un sentimento. E logo, eu teño a miña propia ideoloxía, e ese nexo que me levaba a estar en comuñón con outros que tiñan o mesmo sentimento, uníanos o pais e a defensa das maiorías sociais. Ese modelo está finiquitado. Iso era o BNG, e se na asemblea constituínte do 82 non fose ese o plantexamento, estariamos daquela outra vez diante do BN-PG, con todo o que iso supuxo e conlevou. Eu nin fun nin sería do BN-PG, ollo.

-Ben, pero ¿culpan vostedes á UPG desta mudanza?

-Non vou satanizar a ninguén. Pero o Bloque ten perdido a súa posición orixinal e, dende o meu punto de vista, algo terá que ver quen hoxe ten o control da organización. Insisto, o factor especial do BNG era ter sempre en conta o acordo entre ideoloxías, ademais dos votos individuais. Non é un problema de números, senón de acordos e de consenso, da procura constante dese consenso. Ese é un dos problemas que non se ven.

-¿Pero rachar é a solución?

-Encontro Irmandiño non pretendeu rachar, senón tentar na última asemblea a rexeneración e a refundación. Se le a ponencia política aprobada, verá que aplicándoa poñía a EI fóra do BNG. Hoxe o BNG xa non representa ideoloxicamente a todo espectro nacionalista. E quen dá lugar a isto creo que é quen queda dentro. Iso é o que me leva a unha decisión moi meditada. Creo que debo marchar e tentar construír algo novo.

francisco trigo membro de encontro irmandiño

«Nunca vou falar mal nin teño nada contra do Bloque; sería unha terrible contradición»

«A ponencia política aprobada pola asemblea nacional poñía a EI fóra do BNG»