Coñecer, valorar e protexer un patrimonio exclusivo

Antonio de la Peña

AROUSA

22 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Foi a mediados de 1980 cando o meu amigo Rafa Mejuto me levou a ver o espectacular complexo de arte rupestre de Laxe dos Bolos que acababa de ser descuberto. Ese mesmo día fixemos un calco dos gravados que foi reiteradamente publicado. Laxe dos Bolos xurdía no medio dun enorme territorio libre ata entón de mostras de arte rupestre. Os recentes descubrimentos do Xiabre mostran ben ás claras que en moitas ocasións os baleiros de información son en realidade baleiros de investigación.

Os novos petróglifos do Xiabre incrementan o Patrimonio Cultural de Galicia achegando novos elementos da produción cultural que se ten como a máis peculiar das desenvolvidas nesta terra: os gravados rupestres ao aire libre, ese suxestivo universo de imaxes no que as formas xeométricas de puntos, círculos, espirais... conviven con representacións de cérvidos, de cabalos, de seres humanos e, mesmo, de armas de cobre, compoñendo unha armazón simbólica directamente ligada á organización intelectual e socioeconómica das comunidades campesiñas que poboaron a zona das Rías Baixas hai arredor de catro mil anos.

Un patrimonio que se se caracteriza por algo é pola súa fraxilidade. Exposto á acción lenta pero sistemática da erosión e ao cúmulo de agresións derivadas das actividades humanas: dende as canteiras aos incendios forestais, dende os traballos de construción ao puro e simple vandalismo. Pero un patrimonio que, polo seu impacto visual, pola súa condición de exclusivo destas terras, debería ser coñecido, coidado, mimado e utilizado como sinal de identidade de Galicia, «do galego». E para iso non se me ocorre outra vía de partida que levar á sociedade en xeral o coñecemento deste o SEU patrimonio. Porque só o que se coñece pode ser valorado e só o que se valora pode ser debidamente protexido.

Coñecer, valorar, e protexer. Protexer este ben para ser quen de transmitilo ás xeracións futuras. E aquí o papel das asociacións veciñais e das comunidades de montes debería ser clave habida conta do medio natural no que se documentan os petróglifos. a Administración debería descender algo do Olimpo no que adoita habitar e tratar de involucrar ata onde fose posible á Sociedade na xestión do SEU patrimonio rupestre. Quen estea minimamente familiarizado co mundo rural galego sabe do que falo e que esa é a única posibilidade de éxito.