«Os galegos somos como os de Bilbao, pero sen fardar tanto»

C. CRESPO VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Presenta en Cambados o monólogo «Sé galego, my friend»

15 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«Os galegos e os chineses parecémonos moito. Estamos en todas partes», comenta Sergio Pazos. De aí que para titular o seu novo monólogo o actor ourensán decidira parafrasear a Bruce Lee, levándoo ao seu terreo. Sé galego my friend é unha radiografía, «ou mellor dito, unha ecografía», deses lugares comúns que singularizan aos galegos en calquera parte do mundo. Esta noite preséntao en Cambados, no pub Pilón, a partir das 23.00 horas.

-Iniciouse co monólogo en «Noites de retranca» e agora xa vai por libre e en solitario. ¿Seica lle gustou o formato?

-Custoume. Non vaias a pensar que non me custou. Eu xa teño unha idade, e iso de meterme nun sitio no que a xente está de copas para poñerme a falar... Pero entre que hai pouco traballo e que tiña un texto meu que me apetecía moito recuperar, dixen vou a probar. E parece que vai ben.

-¿De que fala en «Sé galego, my friend»?

-Basicamente acerca de como somos os galegos e de como nos ven por aí fora. Porque as cousas cambian sustancialmente só con que lles metas un carallo polo medio. Non é o mesmo aquilo de quiénes somos, de dónde venimos y a dónde vamos que se dis quen carallo somos, de donde carallo vimos e a onde carallo imos. Os galegos somos distintos ata facendo monólogos.

-¡Ai si! ¿Hai un estilo propio?

-Por suposto. En Galicia temos unha tradición oral moi rica. Contábanse historias da Santa Compaña, de mortos, de mariñeiros, de lobos... e contábanse na lareira afumando os chourizos e tomando licor café. Nós, dalgún xeito, estamos recuperando esa tradición que non ten nada que ver con ese outro formato de stand-up comedy da Paramount ou de El club de la comedia, cheo de chistes malos sobre sexo e situacións urbanas.

-¿En quen se fixa á hora de preparar un monólogo?

-Home, Quico Cadaval está considerado como un dos mellores contadores de historias do mundo. Pero hai máis. Pepo Suevos paréceme un monstruo, Carlos Blanco é un gran profesional. E Rober Bodegas, que se traducise o seu nome ao inglés e se chamara Rob Winehouse sería unha estrela internacional.

- E iso de «be galego»... ¿Non pretenderá ser o protagonista do próximo anuncio de Gadis?

-Non me importaría. Ser galego é moi bonito. Moi telúrico. Eu estou dacordo en que os galegos podemos facer o que nos dea a gana. Como os de Bilbao, pero sen fardar tanto.

-A estas alturas, ¿aínda sinte morriña da terra?

-Por suposto. Eu estou desexando volver a traballar en Galicia. Xa me gustaría, xa, que a Galega volvera a facer producción propia. A xente pensa que os que estamos en Madrid é porque queremos. No meu caso, estou porque non me queda outra.

SERGIO PAZOS ACTOR