«A solución para Rande é un desprezo aos cidadáns»

m. blanco PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

Louzán asegura que Pontevedra e Vigo deben vivir de fronte, non de costas

27 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Louzán di que a A-57 é irrenunciable. A curto prazo, márcase ademais o reto de recuperar os bastóns de mando tanto en Pontevedra coma en Vigo.

-Pontevedra e Vigo son dous feudos que se lle resisten dende hai moitos anos.

-Son dúas cidades moi distintas, porque unha é unha cidade industrial, con moitos emprendedores que son os que tiran de verdade da cidade e a outra é unha cidade para disfrutala, que é Pontevedra. Son dúas realidades distintas, pero temos que conseguir que vivan de fronte, non de costas. Hai que eliminar esa barreira que é a peaxe da autopista. ¿E como se elimina iso? Primeiro liberando a peaxe e segundo construíndo unha vía alternativa que sería a A-57, que está chamada a ser a articulación principal para que Vigo e Pontevedra teñan unha comunicación sen barreiras.

-Pero o camiño vai noutro sentido. A ampliación de Rande prevé unha suba das peaxes.

-Eu xa critiquei iso o día que nos trasladaron ese acordo. A decisión é un despropósito, unha deslealdade e ademais prodúcese a tres días dunhas eleccións cun goberno totalmente provisional. O problema é que esa herdanza dolorosa dende o punto de vista económico lla deixaron ao novo goberno e sobre todo aos cidadáns, que son os que terán que pagar esas peaxes.

-A súa relación con Abel Caballero é tormentosa. El converteuno a vostede nun branco central dos seus ataques. ¿Por que? ¿Deixou de investir a Deputación en Vigo?

-A relación con este señor é inexistente. A min dáme pena porque nós, tanto eu coma o vicepresidente, que está na sede de Vigo [José Manuel Figueroa], temos un contacto grande con todas as asociacións e os cidadáns, que no fondo é o importante, pero el é unha persoa que busca a confrontación en todo o momento. Hai unha frase que eu lle dixen no seu momento e que sigue vixente: ?Cada loco con su tema?. Caballero busca enfrontar aos políticos e ás cidades e acude a diario a ese localismo trasnoitado.

-O contraste co caso de Pontevedra é notable. Aínda que dá a sensación de que son políticos antagonistas, a súa relación con Lores parece boa.

-Pertencemos a dous partidos ben distintos, pero somos quen de aparcar as nosas diferenzas e sentarnos polo interese xeral. E así levamos uns cantos anos que é o que temos que facer. As diferenzas políticas con Lores son enormes, pero sen embargo as diferenzas no que é o interese xeral para os cidadáns de Pontevedra e as infraestruturas son mínimas. E a inversión da Deputación en Pontevedra nos últimos oito anos foi histórica. Nunca se fixera tanto.

-De volta ao caso vigués, ¿É José Manuel Figueroa o seu candidato á alcaldía?

-Tiven unha xuntanza esta semana con toda a xunta local do partido en Vigo e hai unhas magníficas vibracións coa súa chegada. Saben como traballa e polo tanto neste momento, aparte da extraordinaria relación que mantemos os dous, entendo que é a persoa axeitada para que, cando ese momento chegue, e amparándose nos mecanismos dos que nos dotamos no partido para este tipo de nomeamentos, pois sexa o candidato. Teño que felicitalo pola esperanza que hai posta na súa figura e no seu traballo.

-¿E o caso de Telmo Martín en Pontevedra?

-En Vigo houbo un congreso hai pouco, e en Pontevedra entendo que terá que habelo no 2012 e aí será onde se marque ese horizonte. Telmo foi alcalde da cidade que é o emblema turístico de Galicia, que é Sanxenxo, e aí está a súa impronta, e cando se lle pediu ese esforzo na capital de provincia, no ano 2007, rozou a maioría absoluta. Nas pasadas municipais volveu a gañar as eleccións, e ten dúas vitorias, pero sabemos que se non temos suficiente non podemos gobernar. Esta será unha decisión que haberá que tomar o ano que vén pero con normalidade.

-En Vilagarcía, a fichaxe de Rivera Mallo deulles estabilidade.

-Foi o mellor para os intereses de Vilagarcía e do PP. O domingo pasado se sobrepasou o teito de votos que se conseguira na cidade. E o concello terá agora un goberno estable, porque o que aconteceu nos últimos oito anos non tivo nome, non hai cualificativos. Vilagarcía necesitaba un goberno estable.