«Na protección do albariño tivemos unha magnífica colaboración entre PSOE e PP»

La Voz

AROUSA

Domingo Tabuyo cesa como deputado do PSDEG-PSOE no Congreso

24 nov 2011 . Actualizado a las 13:30 h.

Logo de sete anos no Congreso, Domingo Tabuyo reincorpórase ao seu posto como profesor de Historia no instituto Asorey, de Cambados. Faino, asegura, co sentimento «dos deberes feitos».

-¿Tan boa é a súa sensación?

-Nunca agradecerei suficientemente a confianza que o PSOE depositou en min nestas dúas lexislaturas. O único que eu lamento, de verdade, é que Manuel Vázquez non puidese entrar no Congreso porque sería un excelente deputado. De feito, estou convencido de que o será en vindeiras convocatorias electorais. Iso por unha banda. Dende outra, non podo estar satisfeito porque si existe unha sensación de fracaso porque os resultados do domingo non foron os que agardabamos.

-Pero eran conscientes do que se percibía na rúa.

-Claro, pero tamén hai graos. Creo que o Partido Socialista e o Goberno non merecían un resultado de 110 deputados. Hai unha serie de sensacións, valoracións que se instalan no colectivo, no conxunto da sociedade, e ese tipo de percepcións funcionan como elemento de catarse e provocan unha reacción como esta. A situación é tremendamente complicada para calquera que goberne. Os gobernos están caendo en toda Europa. E xa se ve que esa premisa que defendía Rajoy, de que se gañaba o PP os mercados terían esa confianza en España, non existe, non se cumpre, non ten incidencia ningunha. A prima de risco segue a subir e a bolsa a baixar.

-Ben, pero algo se faría mal dende o Goberno. ¿Que pasou nesta segunda lexislatura?

-A primeira, é certo, foi fantástica. Ampliáronse dereitos de todo tipo, houbo gran conexión coa sociedade, cumpríronse os compromisos adquiridos, non hai máis que lembrar Iraq. Na segunda, a crise foi marcando a folla de ruta cun marxe de manobra moi escaso.

-¿Quen goberna, entón, quen escolle a cidadanía ou eses mercados dos que pouco se sabe?

-Primeiro direille que hai dúas maneiras de facer política. Dende a demagoxia e dende a responsabilidade. Zapatero, dende unha situación de gran emerxencia, vendo que non tiña o apoio do PP para tomar decisións de gran dureza, actuou no beneficio da sociedade no seu conxunto no canto de pensar unicamente en clave de partido. Estou convencido de que co tempo gañará a valoración e a estima que merece. Polo demais, é certo que se dá unha situación incrible. Xusto cando se falaba de que a política tiña que controlar os sistemas financeiros, impedindo que causen burbullas, nese intre todo se desboca e esa presión financeira, que só procura salvagardar os seus negocios, comeza a presionar ás economías nacionais.

-¿Contra iso que?

-A UE ten que asumir protagonismo e tomar decisións colectivas para deseñar políticas que deixen a salvo as economías nacionais de todo este sistema especulativo tan destrutivo.

-Para finalizar, ¿de que se sinte máis orgulloso nestes anos?

-A rexeneración da Lanzada, rematar coa discriminación histórica da RAG... Ultimamente, a protección do albariño fronte os viños de mesa. Foi unha iniciativa de Xesús Pérez Arca, do PP, que nós logo xestionamos no ministerio e emendamos coa súa aprobación. Foi unha colaboración magnífica.