«É imprescindible unha alternativa libre de peaxe entre Vigo e Pontevedra»

s. barral / s. gonzález PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

Fernández Dávila é partidaria de crear unha rede ferroviaria de cercanías

18 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Olaia Fernández Dávila ten moi claro cales son os principais asuntos pendentes do Goberno central en Pontevedra e cítaos de carrerilla: a circunvalación da cidade do Lérez, «que é urxente», xunto coa comunicación de todo o norte da provincia coa A-52; a «non prórroga» do complexo Ence-Elnosa; a aceleración do Eixo Atlántico e máis do AVE a Pontevedra e Vigo vía Cercedo; e a posta en marcha dun plan de servizos de ferrocarril de proximidade.

No que se refire ás comunicacións por estrada, a nacionalista subliña que «xa non ten sentido falar de liberalización da AP-9 porque ese debate non conduce a nada despois da privatización que fixo o PP», polo que o que hai que facer é «afrontar dunha vez» a A-57, que conecte Arousa e Pontevedra coa autovía da Meseta. «É necesario resolver o problema da AP-9 non só pola saturación senón porque é necesaria a alternativa libre de peaxe entre Vigo e Pontevedra», afirma.

A A-57, lembra, «xa ten fondos investidos, porque hai trazados feitos, estudos medioambientais e algún tramo mesmo en fase de licitación». Para Fernández Dávila, esa vía ten que dar o servizo libre de peaxe entre a capital provincial e a área de Vigo, pero tamén «servir para dar saída a todo o norte da provincia cara a A-52 e comunicarse co resto de Galicia, coa Meseta, e mesmo cara a Portugal, a través da A-55».

«Na A-57 hai que rendabilizar o investimento feito -conclúe-, porque senón despilfarramos. Non imos reclamar investimentos que signifiquen despilfarro, senón reclamar o que está iniciado, pero sobre todo porque son infraestruturas que inciden no desenvolvemento económico».

O futuro de Ence

Non pode haber campaña electoral en Pontevedra na que non se fale de Ence, e neste eido Olaia Fernández ten as ideas claras. «O problema de Ence é que hai seis anos dende a Xunta e en colaboración co Concello buscábanse alternativas. Isto paralizouse como case todo coa actual Xunta, pero o certo é que hai que buscar alternativas porque a concesión remata no 2018. Hai un compromiso co actual Goberno de Madrid de que non se vai prorrogar, e nós imos traballar para que quen goberne non vaia prorrogalo».

¿Existe un risco real de que un cambio de Goberno en Madrid poida ditar unha especie de amnistía ás empresas afectadas pola Lei de Costas?, pregúntaselle á candidata. De ser así, sostén que o BNG non o vai permitir. «Ten que saber todo o mundo que nós non estamos a favor da degradación medioambiental e non imos participar en ningunha modificación que insista na prórroga de concesións a empresas que son contaminantes. Iso é un compromiso do BNG con Pontevedra, pero tamén con todo o país».

En canto ao ferrocarril, sostén que a parte do impulso á chegada do AVE, tense que traballar nese plan de trens de proximidade. «Teño falado con técnicos, diferentes, e coinciden en que algunhas das vías que van quedar en desuso son útiles para este tren de proximidade, e tamén hai posibilidade de que en tramos do Eixo Atlántico a infraestrutura se poida usar tamén con este dobre servizo. Non en todos os tramos, pero nese caso si habería tramos nos que as vías actuais serían posibles».

«Non apoiaremos ningunha proposta que prorrogue a concesión de terreos de empresas contaminantes»

«É viable utilizar vías que van quedar sen uso para poñer en marcha un servizo de cercanías»

Olaia Fernández Dávila