«Rubalcaba votou para manter as deputacións»

La Voz

AROUSA

15 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Correa non amosa dúbidas ao falar de cal é o primeiro problema do Salnés: o paro.

-¿Que é o que primeiro faría vostede dende o Congreso?

-O noso problema fundamental agora é o desemprego. No Salnés temos 11.000 persoas no paro, e medrando. Hai que adoptar medidas para desenvolver os nosos sectores económicos. Non podemos pensar só no turismo, que é unha das patas, porque hai outras fundamentais. Onde menos se destrúe emprego é nos sectores produtivos, e hai medidas moi lesivas para a nosa economía que se toman en Madrid e en Europa. Nós queremos paralizar as que se tomaron e evitar que se adopten máis.

-De novo pido exemplos.

-Ben. Temos por desgraza dúas conserveiras como Guau e Alfageme nunha situación desesperada. Pero o Goberno español non abre a boca cando existe un acordo con Papúa Nova Guinea para a importación dun importante volume de conserva que exerce unha competencia desmedida ao noso sector. No agro temos que diversificar a produción no viño, a horta e outras actividades fundamentais, valorizando os sectores básicos.

-Ao mesmo tempo temos tres portos competindo entre si. ¿Que opina o BNG neste eido?

-Un dos problemas que vemos é que moitas veces se alimentan intereses localistas dende os gobernos do Estado e da Xunta. Temos, efectivamente, tres portos, un deles o de Vilagarcía, e ten que haber sinerxías, unha combinación entre eles dende unha clave de país. E pensar no tren doutra forma. O AVE é básico, si, pero é incrible que a estas alturas non exista na Galiza un tren de proximidade.

-¿Que me di das deputacións? Rubalcaba quere eliminalas.

-Curioso, porque hai mes e medio o BNG presentou unha iniciativa no Congreso solicitando a súa eliminación e PSOE e PP votaron en contra. Rubalcaba votou para manter as deputacións. Mire, hai que mudar a lexislación de financiamento dos concellos, e a desaparición das deputacións é unha vía.