«O Eixo Atlántico do tren e a A-57 son fundamentais para Pontevedra e Arousa»

serxio gonzález Nachortas< / span> VILAGARCÍA, PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

12 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Como candidato por Pontevedra, Guillermo Meijón debulla as prioridades que a vindeira lexislatura deberían resolverse dende o Goberno central polo que atinxe á provincia. As infraestruturas teñen, neste esquema, un nome propio.

«Para comezar, os socialistas debemos asumir certo retraso na alternativa á AP-9 cara a Vigo, a A-57, e na variante da cidade de Pontevedra», recoñece o parlamentario do PSdeG. Estas dúas intervencións conforman, xunto ao Eixo Atlántico ferroviario, unha rede de comunicacións que, na súa opinión, é «fundamental, tanto para a comarca de Pontevedra como para a de Arousa ou O Salnés». Afirma o aspirante socialista ao Congreso que, polo que respecta aos dous viais citados, o único trámite que fica pendente é o das súas respectivas licitacións. Neste senso, Meijón recolle o compromiso enunciado polo ministro de Fomento, José Blanco: «Se Rubalcaba é presidente, estas dúas obras licitaranse no 2012, o que, ademais da importancia que teñen por si mesmas, significará grande cantidade de emprego nestes tempos tan difíciles».

En canto ao camiño de ferro, a aposta dos socialistas pasa por «manter os 350 millóns de euros de investimento para rematar no 2012 a grande infraestrutura do Eixo Atlántico». A Meijón gustaríalle que o trazado tivese continuidade no norte de Portugal, pero entende que no país veciño «as cousas están como están». A estas tres asinaturas pendentes, o candidato engádelles unha cuarta: «O AVE por Cercedo para comunicar Pontevedra e Vigo; é básico».

Colaboración público-privada

O PSOE rexeita a fórmula de colaboración público-privada no eido da Sanidade. Porén, considera que é unha vía factible no caso das infraestruturas, co AVE como exemplo máis claro. Non é o caso, tampouco, da ampliación da concesión sobre a autoestrada AP-9 á compañía Audasa. A súa prolongación no tempo, explica o parlamentario, é precisamente o que agora obriga á Administración a construír unha alternativa libre de peaxes entre o norte e o sur da provincia: a A-57. Neste eido, o socialista ten un recordo para o aspirante do PP á presidencia do Goberno central: «O Goberno no que el estaba foi o responsable de ampliar a concesión a Audasa; é unha pena que Rajoy non cumprise a palabra que deu no Morrazo, onde chegara a prometer o seu rescate».

Tren de proximidade

A posta en marcha no novo trazado ferroviario no Eixo Atlántico supón o cese de servizo de amplos tramos da vía antiga vía. Varios colectivos cidadáns reclaman que sobre eles se constitúa un verdadeiro tren de proximidade en Galicia. Meijón entende esta aspiración, pero coida que debe condicionarse a un estudo rigoroso que informe do número potencial de pasaxeiros, do seu custe económico e da súa rendibilidade: «Se é un proxecto sostible pareceríame fabuloso», sostén.

Os portos e a súa comunicación

A existencia de tres portos de interese xeral na provincia é comparable, para Meijón, á de tres aeroportos en Galicia: «Están aí, e se temos as infraestruturas haberá que seguir trasladando o investimento preciso para facelos sostibles». Resulta esencial, por último, a súa correcta comunicación. Velaí a creación do acceso ao porto de Vilagarcía a cargo do Ministerio de Fomento, «importantísima».

«O Goberno no que estaba Rajoy foi o responsable de ampliar a concesión a Audasa cando el prometera o seu rescate no Morrazo»

«Hai que introducir a I+D+i nas nosas rías; son un recurso de primeira orde»

Guillermo Meijón