O BNG impulsa de novo a loita contra os depósitos

vilagarcía / la voz

AROUSA

16 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Tralas dúas sentenzas que comprometen a continuidade dos depósitos de Ferrazo, a empresa Finsa-Foresa decidiu iniciar o procedemento para conseguir a avaliación de impacto ambiental desas instalacións. O documento está agora en período de exposición pública, e o BNG non quere que esta circunstancia pase desapercibida. Así que a formación nacionalista non só presentou alegacións contra ese procedemento, senón que onte mesmo rexistraba no Parlamento de Galicia unha iniciativa para tratar de frear a legalización dos depósitos. O Bloque está disposto a «combater con todas as armas precisas a presenza dos depósitos en Vilagarcía ou en calquera outro porto da ría de Arousa», afirmaba onte o deputado Bieito Lobeira.

O BNG sospeita que o goberno do Partido Popular é favorable á consolidación dos depósitos, porque nunca se opuxo a eles. Fronte a isto, lanza unha clara advertencia: «Que non se atreva a legalizar aquelo que un xulgado dixo que era un perigo para a saúde», e engade outro argumento para xustificalo ao dicir que «un goberno democrático ten que estar sempre a favor da sociedade».

Por iso o BNG rexistrou onte mesmo no Parlamento de Galicia unha iniciativa na que lle pide aos grupos que insten ao Goberno galego a por en marcha as accións precisas para impedir a consolidación, o funcionamento e a actividade dos depósitos de hidrocarburos de Ferrazo na súa actual localización.

Ademais, se a súa proposta é aceptada, o gabinete que preside Núñez Feijoo debería dirixirse ao Goberno español co fin de adoptar as medidas precisas para retirar e trasladar fóra da ría de Arousa os depósitos, así como para eliminar o transporte marítimo de hidrocarburos e mercadorías perigosas na ría de Arousa. Estas peticións foron plantexadas na forma dunha proposición non de lei para o seu debate en pleno.

Na exposición de motivos, a formación nacionalista lembra que existen sendas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo, esta última de carácter firme e non recurrible, que declaran ilegais os depósitos de almacenamento de produtos químicos e petrolíferos do peirao de Ferrazo, por seren tramitados sen a preceptiva avaliación de impacto ambiental. Ademais, os fundamentos xurídicos desta última sentenza recoñecen riscos inasumibles na localización dos depósitos.

Para o BNG «resulta surrealista» que no canto de proceder á paralización, baleirado e traslado dos depósitos, unha decisión que estaría amparada por un mandato xudicial, se abra de novo «a irresponsable opción da súa consolidación e legalización na súa localización actual».

O deputado Bieito Lobeira e o responsable comarcal do BNG, Xoán Allegue, lembraban onte que a seguranza e a saúde dos habitantes de Vilagarcía e o equilibrio ambiental dunha ría que xera 26.000 postos de traballo vinculados ao mar «non se pode por en perigo por intereses empresariais e beneficios privados». Así pois, estamos diante dunha situación de conflito na que «o Goberno galego debe tomar partido pola sociedade, e non por un negocio empresarial».

«Nós imos combater con todas as armas precisas a presenza dos depósitos en Vilagarcía»

Bieito Lobeira