Xelmírez e o Xacobeo amosan as Torres de Oeste no seu antigo esplendor

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O multiusos de Fonte Gaiteira achega a Catoira a historia do seu ilustrísimo veciño

26 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A ninguén se lle escapaba onte o simbolismo do día elixido para a inauguración da exposición Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez no edificio multiusos que o Concello de Catoira está a rematar na Fonte Gaiteira e que albergará, entre outras dependencias, as oficinas centrais da administración local. O Día de Galicia era sen dúbida a mellor xornada para achegarlles aos veciños de Catoira e aos seus visitantes a figura do fillo máis ilustre que na súa historia deron as terras do curiosamente chamado municipio vikingo. Un apelativo que en xustiza e en orixe se lle debe atribuír precisamente a Diego Xelmírez, en tanto impulsor do reforzamento da xa existente fortaleza das Torres de Oeste nos seus anos de primeiro arcebispo de Compostela fronte á ameaza dos saqueadores do norte de Europa.

Cousas coma esta son as que pretende amosarlle ao espectador a mostra que a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo trouxo a Catoira, e que constitúe unha parte da ambiciosa exposición que no 2010 inaugurou en París, para paseala posteriormente por Roma e por Santiago. Á sala de Fonte Gaiteira non chegaron as pezas arquitectónicas, escultóricas e manuscritas desprazadas o ano pasado ás capitais francesa e italiana como parte da exposición. Pero si os paneis informativos e o material audiovisual que recollen os principais fitos que xeraou a figura histórica de Diego Xelmírez, a súa relación con Catoira e o papel do arcebispo no impulso das obras da catedral de Santiago que hoxe disfrutamos.

Así, un paseo pola sala do multiusos preséntanos a orixe de Diego Xelmírez nas Torres de Oeste, na súa infancia xunto co seu pai, o cabaleiro Xelmirio, responsable da función defensiva da fortaleza. Cos anos Diego Xelmírez remataría converténdose en bispo de Iria, trasladando a sé a Santiago e conseguindo para esta a condición de arcebispado no 1.120. Nove anos despois de coroar na catedral compostelá a un Afonso Raimúndez aínda neno rei de Galicia. A potenciación do Camiño de Santiago coma un dos tres grandes centros de peregrinación da cristiandade e a elevación de Santiago coma un dos eixos de poder de referencia na Europa medieval en paralelo á súa modernización urbanística son outros dos datos que desvela a exposición de Catoira e que levaron onte ao seu alcalde, Alberto García, a referirse a Xelmírez coma «fillo ilustre» do seu pobo na inauguración da mostra. Un acto ao que tamén asistíu a directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, María Camino Triguero.

E se son moitas as razóns que animan a calquera curioso da historia a darse un paseo polo multiusos de Catoira, un vídeo coa recreación das Torres de Oeste no seu momento de máximo esplendor fai bo por si só a visita á mostra.

A recreación en vídeo da fortaleza do Ulla é suficiente para animarse a pasar pola mostra