Carril agarda unha tregua do vento para gozar dos Encontros

vilagarcía / la voz

AROUSA

A organización espera que hoxe poidan chegar novos barcos

01 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A zona portuaria de Carril está estes días máis animada que nunca, e máis que se espera que estea durante esta fin de semana. Os Encontros de Embarcacións Tradicionais teñen a culpa deste particular axetreo que multiplica durante estes días a flota carrilexa, pero tamén os habitantes sobre terra da localidade vilagarciá.

Con todo, aínda que moitos dos barcos participantes xa arribaron onte a porto, o certo é que o vento xogou onte unha mala pasada aos organizadores dos Encontros. Eolo soprou forte e na dirección que non debía, así que impediu chegar a moitas das embarcacións que onte tiñan que estar en Carril. Pero parece que a sorte vai mudar, e con ela o réxime de ventos, que en principio se prevé que desde hoxe, e durante todo o que queda de fin de semana, sexa favorable para a navegación. Se é así, seguramente moitas das embarcacións pequenas que onte non puideron chegar ao porto poderano facer ao longo da xornada de hoxe.

Malia os problemas que causou o vento, os Encontros inauguráronse onte e encheron Carril de aires mariñeiros. Ás sete da tarde tivo lugar a apertura oficial da que está sendo a décima edición do certame. No acto participaron o alcalde Tomás Fole, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, un dos seus directores xerais, Juan Maneiro, o deputado nacionalista Bieito Lobeira e os concelleiros Marta Rodríguez Arias e Xosé Castro Ratón, entre outros.

Recoñecemento dos barcos

A responsable do departamento autonómico de Mar anunciou durante a inauguración que a Xunta participará nun plan de accións para impulsar o recoñecemento das embarcacións de interese patrimonial, un plan que hoxe se presentará nas xornadas técnicas do Encontro. Na súa confección colaboran, ademais das consellerías de Mar e de Cultura e Turismo, a dirección xeral da Marina Mercante, o Museo do Mar, a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.

As xornadas técnicas, por certo, abríronse onte abordando a relación entre o turismo e as embarcacións tradicionais, concibindo estas como un recurso a explorar. O programa de hoxe, ademais das xornadas técnicas, inclúe actuacións musicais, visitas guiadas ás embarcacións, navegacións, visitas á illa de Cortegada ou proxeccións de documentais, entre outras cousas. Para concluír, arredor da media noite, un recital baixo o título Son de aquí, co grupo Malveiras e Os Xirifeiros.

Ademais de todo iso, quen se achegue a Carril poderá ver traballar aos artesáns que decidiron participar nestes Encontros amosando o seu bo facer. Construtores de pandeiretas, cesteiros, carpinteiros ou pintores son algúns dos oficios que se cobixan baixo as carpas de Carril.

Fóra diso, unha animada taberna mariñeira e o bo humor dos centos de tripulantes que guían as embarcacións tradicionais poñen o resto para que Carril se encha de xente disposta a pasalo ben durante toda esta fin de semana.