Vilaxoán ou a primeira parada no camiño marítimo cara a Carrilportoexplanada do peiraolonxa porto

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A Semana Náutica iniciou onte a súa sétima andaina

26 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai vilas que arrecenden a mar. Vilaxoán é unha delas. Neste recuncho da ría de Arousa iniciou onte a súa andaina a sétima edición da Semana Náutica. O evento, querido e ben querido por moitos, serve cada ano para renovar os lazos de Vilaxoán coa ría, ou da ría con Vilaxoán, que neste caso a orde dos factores non altera o resultado final. Pola tarde, cando a calor aínda esmagaba a quen andaba por terra, as embarcacións de vela tradicional empezaron a achegarse ao peirao vilaxoanés, ofrecendo unha imaxe suxerente e poética. Unha imaxe que, potenciada e multiplicada, se vai repetir á volta duns días en Carril, cando bote a andar o décimo Encontro de Embarcacións Tradicionais.

Pero diso xa falaremos. Quedamos de momento en Vilaxoán, prendidos das velas despregadas e da música coa que Os Terribles de Arousa encheron as rúas da vila, chamando á festa do mar. Á festa, pero tamén ao coñecemento de todo ese mundo que xira arredor do océano. Porque é na busca dese coñecemento, e na loita por difundir o que algúns xa saben, onde naceu a idea de ofertar a iso que se chama ?gran público? a posibilidade de realizar visitas guiadas polos barcos que adornan o peirao. Onte foi a primeira, pero aínda quedan oportunidades.

Como en toda festa galega que se precie, a festa en Vilaxoán pechou a súa primeira xornada cunha boa mesa chea. Os tripulantes das embarcacións que participan na mostra deron conta dunha cea de confraternidade que tivo coma escenario o edificio da lonxa. Arrincou a iso das dez da noite. E unha hora despois volveu a música ás rúas de Vilaxoán. O grupo de Amigos do Acordeón de Meaño, dirixido por Pablo Dorado, foi o encargado de poñer o ritmo co que se pechou a xornada inaugural. A festa, obviamente, continúa. E aínda quedan grandes citas por chegar. Música, teatro, cultura en todas as súas formas. E tamén deportes, porque o domingo 10 de xullo está marcado no calendario como o día no que se celebrará a edición número 48 da travesía a nado do porto vilaxoanés, unha cita clásica do verán arousán.

11.30 horas

Visitas guiadas ás embarcacións tradicionais. Á mesma hora, animación pola rúa a cargo do grupo Treboada.

13.30 horas

Actuación de Central Combo Mariñeiro.

14.30 horas

Comida de confraternidade

17.00 horas

Navegación libre das embarcacións tradicionais que participan na festa