Alfonso Alfonso, de viños por Vilaxoán

AROUSA

03 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A estas alturas da película televisiva, xa todo o mundo nesta esquina do país saberá quen é Alfonso Alfonso. Por se as moscas, imos entrar en materia a xeito de limiar. O noso home chámase en realidade Alfonso Tellado, é dos poucos habitantes de Bouza Maior, aldea de San Sadurniño, bisbarra de Ferrolterra, e colleu sona comparable ao tifón que zoou por riba da ría de Arousa este inverno ao vacilar finamente a todo un fenómeno nesta materia. Nada menos que Andreu Buenafuente, que en lóxica reciprocidade non só invitou ao retranqueiro ferrolán, sindicalista da vella Bazán pola CIG e nalgún momento e nalgún lugar membro tamén da candidatura do Bloque niso que chaman cidade departamental, de volta ao seu programa, senón que mesmo se aventurou a coñecer en persoa as terras de Trasancos xunto ao seu fiel escudeiro, o inefable Berto.

A golpe de documental

1 Quen lera dunha tacada o párrafo anterior, que sente e bote un grolo, que van aló unha chea de letras. Ben, apousentado xa o lector, debe saber que Alfonso Alfonso, sorte de alcume retorneado co que o noso home saíu de BNF, botou onte a mañá toda na nobre vila de Vilaxoán. O conto é que o bo de Alfonso exerce de condutor dunha serie documental que está comezando a rodar a produtora Ézaro, pilotada por Alejandro Diéguez, que por un aquel destes azares que nos dá o Señor, vén sendo nacido en Vilagarcía e casado en Vilaxoán. Non lle estrañará a ninguén, logo, que gravasen o primeiro dos trece episodios previstos por estes lares. Trátase de contar da xente e das súas vidas, dos seus costumes, falares, gustos e desgustos. E quen mellor que o mítico Alfonso para lle tirar da lingua aos paisanos. Neste caso, á familia dos Pelonios, cinco xeracións de mariñeiros vilaxoaneses.

Un grolo como é debido

2Logo de visitar Corón e conversar a pe de praia, o persoal trasladouse ás Eiras para botar un grolo. Veremos o resultado no televexo.