Seisollos Teatro ofrece aos mecos unha relectura da obra de Pereiro

vilagarcía / la voz

AROUSA

21 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Aínda que xa pasou o día, as Letras Galegas seguen de romería polo Grove. A Concellería de Cultura organizou para esta fin de semana dúas escenificacións dunha peza teatral que, segundo explica o concelleiro Antón Mascato, xira arredor da obra de Lois Pereiro, o poeta ao que se lle dedicou este ano o 17 de maio.

Deixar na terra algo de min é un dos versos máis celebrados e coñecidos deste autor monfortino. E é tamén o título escollido polo grupo Seisollos Teatro para darlle nome a un espectáculo marcado pola poesía de Pereiro e que chega a O Grove «en estrea rigurosa, xa que unha das actrices da compañía, Iria Parada Crespo, é veciña deste concello, iniciándose no grupo Nosevós Teatro da asociación Roza do Pedrol».

A primeira representación desta obra terá lugar hoxe, ás 21.00 horas, na casa de cultura de San Vicente. Quen non poida acudir hoxe a cita aínda vai ter unha segunda oportunidade: mañá volverase representar Deixar na terra algo de min, desta volta na Praza de Arriba, as 13.00 horas. En ámbolos dous casos, as representacións son de entrada libre ata completar o aforo.

Segundo señala o concelleiro de Cultura, Antón Mascato, «anima aos veciños das dúas parroquias a asistir aos espectáculos teatrais programados porque este grupo deslumbrounos a cantos asistimos á recreación de textos de homenaxe ao escritor Xoán Fuentes na anterior edición das Letras Galegas, celebrada en San Vicente, e estamos en condicións de asegurar que, desta volta, a súa posta en escena será aínda máis espectacular».

O espectáculo é «unha obra na que as actrices que compoñen o grupo Seisollos Teatro, Iria Parada e Andrea Paz, e o actor Leo Sangabriel, formados na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, revisan os dous poemarios de Lois Pereiro, para facer deles unha interpretación libre da poesía radical do autor homenaxeado nesta edición das Letras».