Joam Berride e as viaxes do Rei Elefante

AROUSA

21 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Maio é, na sala de exposicións Antón Rivas Briones, o mes do Rei Elefante. Un achádego, un tótem, un coloso que durante meses, mesmo anos, invadiu o universo pictórico do creador arousán Joam Berride. O resultado das súas viaxes a lombos deste magnífico animal poden contemplarse no espazo vilagarcián ata que xuño anuncie a súa chegada.

O nacemento

«O Rei Elefante -explica Berride- nace nun cadro despois de ver uns grafitos superpostos, pintados uns enriba dos outros, evocadores. Estes grafitos leveinos á pintura, traballeinos, limeinos e, aínda que ao comezo non había neles elefante ningún, axiña xurdiu o primeiro». Aquela peza inicial deu lugar a unha secuencia de tres irmáns máis, e con eles as catro obras coas que principia o reinado do maxestoso paquidermo. «Dalgún xeito naceu como unhas pegadas urbanas que fun desenvolvendo, mergullándome na idea, convivindo nunha relación consciente e inconsciente con este poderoso animal durante meses, incluso anos».

O proceso

Logo de trinta anos de pintura, o creador vilagarcián considérase «un expresionista abstracto que en ocasións recorre a unha figuración mínima». Na súa obra sobrancea un persoal tratamento das cores e un método de traballo no que o significado vai agromando a cada paso. «Cando comezas un cadro nunca sabes onde vas ir; ao cabo hai achádegos que consegues precisamente a través de sinxelas manchas ás que ti mesmo lles vas dando sentido, vas recoñecéndoas... Lugares nos que estiveches, onde che gustaría estar, impresións, obxectos, figuras, materializándoos tal e como ti os sentes».

O camiño cara Oriente

As etapas que percorre o Rei Elefante semellan trazar un camiño de cor cara o Leste. As resonancias orientais non son gratuítas. «Eu estiven en Granada de vacacións; é unha cidade con grande sabor oriental. Casualmente viña de ler unha obra de Saramago, A viaxe do elefante; recibín un encargo para unha mostra bienal en Portugal centrada na temática da liberdade, e aínda que pensei pintar uns caraveis caendo, unhas cousas levaron a outras e de alí naceu outro elefante máis, A danza dos elefantes. Dalgunha maneira todo isto estivo funcionando nunha especie de achegamento á cultura oriental». Tanto é así que nunha ocasión, diante dunha das poderosas imaxes elefantiásicas, alguén preguntou ao autor se este seu labor era froito dunha visita á India. «Non estiven fisicamente na India, pero hai moitas formas de viaxar, e non todas son físicas; dalgún xeito sinto que estiven aló», foi a resposta.

Outros ecos

Na mostra que acolle a sala Rivas Briones, os ecos de Oriente van alén da serie estrita do Rei Elefante. A casa de Mustapha, Babilonia, certas pegadas das aves do paraíso desprenden un arrecendo común a especias e terreos ocres. Os motivos de inspiración, as convivencias sucesivas que compoñen as etapas da pintura de Joam Berride nunca son portas pechadas, senón fiestras polas que calquera retorno é posible. Hai, así, un espazo para os trens que percorren diferentes cidades e seguen en marcha, ou para a pegada indeleble dos montes en lume do 2006 e a conseguinte devastación das augas. É por iso que, aínda chegando ao seu capítulo 14, o Rei Elefante siga vivo e poida aportar novas creacións no futuro. Entrementres, será a ollada do público a que guíe as súas viaxes.