Presencia institucional
No acto houbo, tamén, representación institucional. O alcalde de Cambados, Luis Aragunde, quedou onte sen a empanada e o polbo que se serviron na aldea labrega da Armenteira co gallo da visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Aragunde non quixo perderse a cita con Cabanillas. Despois de depositar un gran ramo de frores diante do busto do autor, acompañado neste caso polo escritor Ramón Caride, escoitou o recital poético protagonizado polos nenos da vila e que rematou coa interpretación do himno por un grupo do colexio Magariños. De volta ao Concello, de seguro que lle botou un ollo á exposición de paneis sobre Lois Pereiro que se instalou no paseo da Calzada. Hoxe, seguen os actos, con contos e a música de María do Ceo.
¿Cal é a mellor maneira de celebrar o Día das Letras? No Concello do Grove téñeno claro: fomentando o consumo de literatura e libros en galego. Por iso, o acto elixido pola concellería de Cultura para este 17 de maio pasa pola organización dunha nova edición da Festa do libro e a lectura, na que terán unha especial relevancia e proxección os autores locais. O Concello, en colaboración coa Agrupación de Libreiros e Todogrove Edicións, son os responsables dun evento que terá lugar o martes, na Praza de Arriba. Postos de libros, actuacións e sinatura de exemplares serán as principais actividades que se desenvolvan entra as doce do mediodía e as dúas da tarde. Logo a festa seguirá no Corgo, desta volta da man de Cantodorxo.