Toño de El Hormiguero e María do Ceo actuarán en Cambados

vilagarcía / la voz

AROUSA

10 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Baixo o lema Abril, libros mil, o Concello de Cambados adica as vindeiras semanas á promoción dos libros e da lectura, e con ese obxectivo abre a programación cultural de primavera, que se extende ata xuño cunha ampla oferta de actividades, tanto para os pequenos como para os adultos.

Abril, libros mil inclúe contacontos, teatro e xogos relacionados cos libros par rematar o día 29 coa sétima edición do Maratón de Lectura no auditorio da Xuventude para festexar o Día do Libro. O mes péchase cunha sesión de Becateca na Casa dos Fraga e cunha festa de achegamento ao mundo do autismo. Tamén se van elaborar maios e haberá cancións tradicionais con volandeiras, contacontos e inchables.

Concertos

O día 15 de abril o auditorio A Xuventude acollerá o festival Free Minds Radio Jazz Station, co saxofonista americano Logan Richardson e o contrabaixo Paco Charlín, acompañados ao piano por Xan Campos e Max Gómez na batería. O 23 de abril vaise presentar no escenario do salón José Peña o monologuista Toño do famoso programa de televisión El Hormiguero.

Xa no mes de maio vaise celebrar o festival Encontros con Asorey, nos xardíns da Casa dos Fraga, co concerto Quinteto de Vento da Orquestra Clásica de Vigo. O día 21 actuará a Camerata Concertante de Vigo e o 13 de maio será María do Ceo quen leve a maxia do fado ao auditorio.

Outras ofertas

Haberá máis cousas nos vindeiros meses de primavera. Como todos os anos celebrarase a Festa da Bicicleta (1 de maio), a Mostra de Teatro Escolar (do 9 ao 11 de maio), a entrega do premio Ramón Cabanillas (14 de maio) e o festival folclórico de Con de Xido (15 de maio).

Nestas datas se celebran tamén as Letras Galegas, coa ofrenda floral a Cabanillas, o concerto da banda de Castrelo, a Mostra de Arte Contemporánea da Escola de Belas Artes, a Carreira Popular de Cambados e o Encontro Informático.