Chévere regresa a Vilagarcía coa súa nova proposta escénica, «Citizen»

vilagarcía / la voz

AROUSA

24 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha das compañías teatrais de maior prestixio en Galicia regresará mañá venres a Vilagarcía para achegar ao público arousán a súa última proposta. Trátase de Citizen, Primeira Parte, dirixida por Xron e protagonizada por Manuel Cortés e Patricia de Lorenzo. A función dará comezo, como é habitual, ás nove da noite, e o prezo das entradas será de cinco euros na zona A, catro na B e 3 na C.

A obra foi estreada na sala Nasa de Santiago o 6 de outubro. Según explicaba onte un dos seus protagonistas, Manuel Cortés, «é a primeira parte dun proxecto que consta de tres. Conta os inicios de A.O. -iniciais baixo as que se esconde o nome de Arsenio Ortigueira-, a historia dun empresario do téxtil cando está empezando, alá polo ano 1975, cando morre Franco. Este home, entón novo, atopa casualmente na súa tenda a Sara Caamaño. Esta coincidencia da pé a toda a historia posterior.

«É unha peza fundamentalmente falada, que pretende contrastar realidade e ficción», e na que o espectador se pregunta «que é real e que é ficticio», explica quen encarna a A.O.

Compoñente social

Pola súa parte, Patricia explica que este é un traballo completamente diferente ao último de Chévere, Testosterona, que tamén se puido ver en Vilagarcía. Ten, con todo, igual ca aquela, «un compoñente social», porque non deixa de ser unha reflexión sobre a globalización e o seu efecto en Galicia.

A obra está inspirada en Cidadán Kane, de Orson Welles, daí o seu título. Esta era unha película que contaba a historia dun empresario norteamericano que chegou a ser unhas das persoas máis ricas e poderosas do mundo no primeiro terzo do século XX. A peza de Chévere conta a historia dun suposto empresario galego que se convirte nunha das persoas máis ricas e poderosas do último terzo do século XX, aínda que non empeza coa morte do seu protagonista, senón co seu nacemento.

O proxecto está estruturado en tres partes, tres espectáculos autónomos que Chévere irá estreando ao longo da tempada. Cada un deles será a continuación e a consecuencia do anterior. Ao final, a suma dos tres será un novo espectáculo.

Esta primeira parte sitúa ao espectador no momento iniciático que ten toda gran aventura. «É un espectáculo sinxelo, que queda aberto, pero tamén é pechado en si mesmo», de xeito que quen vexa só esta parte entenderáa, explicaba onte o seu protagonista masculino.