Nova Radio Pirenaica

AROUSA

12 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

verdade é que, diante das explicacións facilitadas onte polo concelleiro de Cultura de Vilagarcía, resulta moi complicado resistirse á sedutora imaxe dun tipo aferrado a un micro, lanzando verdades ao vento dende o escuro e angosto interior da estación de Xiabre. Nova Radio Pirenaica emitindo dende o cumio máis alto da redonda para todos vostedes, en positivo. Paxaradas aparte, cómpre recoñecer que todo o mundo merece darse un capricho, mesmo se ten ao seu cargo responsabilidades institucionais. Non hai nada malo en que o goberno, ou algún dos seus membros. queira estrear unha flamante emisora municipal. Alá el, e se pode convencer aos seus votantes de que se trata dun investimento que acrecentará o seu benestar nuns momentos nos que o Concello súa tinta china para pagar aos seus provedores, mellor que mellor, Se aínda por riba é quen de despexar calquera dúbida de índole electoralista, cando a música sae ás ondas a escasos tres meses dos comicios, mel nas filloas. Que unha empresa privada opte a xestionar a frecuencia e obter por iso un beneficio é, polo demais, normal e perfectamente lexítimo, a base do sistema. O que vén sendo un tanto inquietante é ese empeño absurdo por manter o asunto nunha sorte de confusión permanente, sen cursar oportuno aviso ao socio nin aclarar quen o autoriza, quen fala, dende onde e para que. ¿Por que non presentalo abertamente e punto? Vai levar razón Gonzalo Durán. Todo é cuestión de premer un botón.

A