Repóker de ases na baralla das Torres-Romaría Vikinga

Cinco canteiráns do club evolucionan con altas miras no grupos de traballo da RFEP


vilagarcía / la voz

A pretempada de piragüismo cobre as dúas últimas semanas antes da apertura dun ano preolímpico con grandes e importantes citas por diante. E o As Torres-Romaría Vikinga confía en poder disfrutar da súa propia cota de protagonismo da man dalgunha das cinco pedras preciosas da súa talentosa canteira. Cinco rapaces que traballan desde outono en dous dos grupos de tecnificación da Real Federación Española de Piragüismo (RFEP), preseleccións das que sairán a inmesa maioría dos representantes hispanos nos campionatos internacionais do 2011 máis aló dos xigantes de nomes Perucho, Cal ou Portela.

Baixo as ordes do cangués Manuel Fernández Valladares, en Pontevedra evolucionan no grupo de canoa Sub 23 Diego Romero, Antonio Lobato e Diego Miguéns. O primeiro deles é a esperanza branca do responsable técnico das Torres, Manuel Isorna, quen ve na embarcación de Romero e do grovense do Breogán Ángel Cristian Ribademar unha opción seria de converterse no C-2 1.000 da selección española absoluta fronte á parella do Náutico Firrete formada por Yeray Picallo e o meco Tono Campos.

«Diego Romero é o froito da constancia e do esforzo persoal. É o máis forte dos nosos piragüistas», e ante a posibilidade de velo nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, Isorna manifesta que «xa o vexo máis preto do que o vin. Algunha oportunidade ten». Unha opinión que sustenta sobre o feito da enorme proxección de Romero e de Ribadomar, que con só tres semanas de acoplamento conseguiron rematar o pasado verán quintos na final do C-2 1.000 do Europeo Sub 23.

Os xuvenís, en Murcia

Outro vikingo, neste caso de Bamio, que está a orientar a súa evolución cara os barcos dobres en Pontevedra é Diego Miguéns. Este ano coa súa parella no 2010, o tamén piragüista das Torres e membro do equipo de tecnificación Antonio Lobato, preparándose arreo para ser unha futura alternativa a David Cal e ao cesureño André Oliveira na embarcación olímpica de C-1 200.

Miguéns e Lobato adéstranse con Valladares logo de pechar un exitoso 2010, coa sétima praza no C-2 200 do Mundial Xuvenil coma maior logro. Do segundo Isorna di que se trata dun «diamante en bruto» caracterizado pola súa rapidez, mentres que o técnico ve a Miguéns como «unha formiguiña que avanza despacio, pero con boa letra».

As Torres tamén conta con dúas firmes promesas no grupo de tecnificación de canoa xuvenil que a RFEP ten en Los Alcázares, Murcia. Álvaro Novo e o seu compañeiro Anxo Galbán aplícanse para facerse cunha das seis prazas do Mundial da súa categoría que se celebrará este ano. No caso de Anxo, adestrándose de volta en Catoira, pero adscrito aínda ao grupo murciano.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Repóker de ases na baralla das Torres-Romaría Vikinga