O CXF Porto de Vilagarcía consolida o seu lideradoXadrez no cárcere

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

26 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os dous equipos de referencia do Club Xadrez Fontecarmoa deron sendos pasos adiante no seu reto de asinar unha gran campaña. Na terceira rolda das Ligas Galegas, o CXF Porto de Vilagarcía consolidou o seu liderado á fronte do grupo C da Primeira División cunha contundente vitoria sobre o EXP Iván Salgado, 0-5-3,5, mentres que o CXF Casa da Xuventude acadou un moi bo resultado, cunhas táboas (2-2) na súa visita ao Círculo Xadrez Cidade de Narón, co que figuraba empatado na clasificación do grupo B da Primeira División.

O CXF Porto de Vilagarcía desprazábase a Pontevedra a un duelo entre dous rivais que se coñecían perfectamente. Co seu resultado final, o equipo vilagarcián conta cun 2,5 puntos de colchón respecto ao seu inmediato perseguidor, o Universidade de Vigo.

Pola súa banda, o CXF Casa da Xuventude medíuse a un Cidade de Narón que recentemente militou na División de Honra autonómica. A igualdade entre ambos déixaos con 7,5 puntos, a 1,5 do líder, o Alexandre Bóveda C.

Na Segunda División, a xornada do Xadrez Fontecarmoa saldouse con tres derrotas e unha única vitoria. A que asinou o CXF Deportes Rodas na súa visita ao Centro Penitenciario A Lama por 0,5-3,5, para ser segundo no grupo D con 7,5 puntos. Caeron derrotados o CXF McDonalds ante o Algalia de Abaixo, 0-4, manténdose deste xeito á espera de poder sumar o seu primeiro resultado positivo no grupo C, o CXF Baños Print, 3-1 ante o Vila de Bouzas no grupo E, e o CXF Sold Out no F, co Xadrez Contos Tui coma rival: 1-3.

Completan os resultados da canteira do Xadrez Fontecarmoa: Cultural Deportiva Portas 4-0 CXF CaixaGalicia (Terceira F), CXF La Marina 3-CXF Limpiezas All Cleaning (Terceira F), CXF Valdumia 3-1 EXP Limpiezas San Vicente (Terceira G), Manuel Morales 0,5-3,5 CXF Restaurante A Pedra (Terceira G), CXF Autobuses Pereira 3-5 Xadrez Bueu (Cuarta A), CXF Vitaldent 3-5 EXP Meis B (Cuarta A), e CXF Bancaja 2,5-5,5 Academia Copérnico (Cuarta A).

Como ben indica o título, esta semana o CXF Deportes Rodas xogamos no cárcere, contra un equipo formado por presos do Centro Penitenciario A Lama. Como é de esperar estabamos moi nerviosos e impacientes; era unha oportunidade moi interesante e instructiva para nós. Nerviosos, como xa digo, si, pero con moita confianza. A viaxe en coche (xogabamos alí, claro, o equipo do cárcere é o único que non pode xogar como visitante) foi de pouco máis dunha hora. Recibiunos un funcionario moi simpático que nos acompañou un todo momento e que ademais nos foi ensinando parte das instalacións (moi boas, por certo). Quero destacar o patio interior da prisión, que nos chamou moito a atención pola súa beleza: todos os muros estaban decorados con motivos galegos (como a catedral de Santiago e a ponte de Rande) e no centro había un pequeno xardín ben coidado. Non tardamos en coñecer os nosos adversarios que nos causaron, tamén, boa impresión e sen máis demora comezou a rolda.

 Polo CXF xogabamos Manuel García, Jesús Martínez, Samuel Dieste e mais eu (Jacobo Lamas). O resultado favoreceunos 0,5-3,5  e quedamos contentos. Os primeiros en rematar foron Manuel e Samuel que gañaron ambos sen apuros importantes contra uns rivais que o deron todo, pero pouco puideron facer ante a boa forma dos nosos compañeiros de equipo. Ademáis a posición de Jesús prometía e a miña non era nada mala. Desgraciadamente todo o ataque e a iniciativa que tiña o noso amigo Jesús, esfumáronse cando perdeu unha torre. Cando parecía que a súa partida non había quen a levantase, o seu rival cometeu un grave erro que lle deu o punto a Jesús e ao equipo (non moi merecido, pero estas cousas pasan...). Finalmente, eu firmei as tablas que nos deron medio punto na miña partida na cal calquera dos dous tivo posibilidades de gañar, pero ningún estivo moi atento, e así o reflicte o resultado.

 Sen dúbida saímos contentos da penitenciaria: nos sorprenderon de forma grata as súas instalacións e os funcionarios que alí traballan, fixemos unha boa rolda e ata intimamos con algún preso (se algunha vez volvemos alí -esperemos que sexa para xogar outra partida- xa temos algún coñecido).

 Aproveito para agradecerlles aos funcionarios e aos presidiarios a súa amabilidade ao deixarnos sacar fotos e a miña nai, Susana Luaña, por transportarnos ata A Lama, agardar pacientemente por nós e por fotografarnos durante a partida.