Martiñán valora a mellora da actitude do plantel do Céltiga

vilagarcía / la voz

AROUSA

18 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Agónico, á par que épico. Así se escribíu o empate in extremis colleitado o pasado domingo polo Céltiga no seu derbi co Xuventude Sanxenxo no campo do Revel. Un 2-2 posible por un penalti no terceiro minuto do tempo de desconto que Fernando transformou en dúas ocasións, obrigado polo colexiado do choque, o santiagués Marcos Quintela, a repetilo.

Os homes de José María Rial foron quen de levantar un 2-0, co plantel e coa afección do Xuventude Sanxenxo encolerizada co colexiado do encontro. E non só polo dubidoso penalti na prolongación, senón sobre todo por dous tantos anulados con antelación ao conxunto local, que poderían ter variado completamente o reparto final de puntos.

O Céltiga puxo o domingo moito máis en xogo co seu adversario, con seis xornadas ás costas sen coñecer a vitoria, e ao termo dunha semana na que a directiva lle deu un toque de atención ao plantel, esixíndolle un cambio de rumbo máis acorde coas miras dun club que puxo todos os medios para un retorno express á Terceira hoxe xa practicamente imposible.

O presidente do equipo da Illa, Manuel Dios, Martiñán, amosouse onte a nivel persoal razoablemente satisfeito pola actitude observada nos xogadores do seu equipo. «O cambio foi total» neste aspecto, comentou. «O equipo entregouse, e aínda que non remontou, conseguíu o empate. E iso faise con traballo. Creo que o resultado final foi xusto».

Martiñán reiterou que desde a directiva «lle imos dar tranquilidade e confianza ao equipo para que traballe. Non imos estar cuestionándonos o que faga cada semana». Preguntado pola posible incorporación de reforzos, o presidente non descartou botar man desa baza, pero aclarou que «de momento non» visto como está o mercado.