Os nenos da Illa fan de contacontos para os pequenos das escolas infantís

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

30 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«Érase una vez, en un colegio de A Illa de Arousa, un grupo de alumnos muy creativos. Les gustaba leer, les encantaba imaginar, les apasionaba escribir y les ilusionaba que sus compañeros pudiesen leer muchas aventuras». Así comeza esta historia na que unha fada madriña, a bibliotecaria da Illa, foi quen de canalizar eses desexos dos nenos arousáns a través dunha gran idea: formar pequenos contacontos.

Os protagonistas desta historia son rapaces de entre seis e dez anos que teñen en común a súa orixe na Illa e as súas inmensas gañas de ler. Begoña. de dez anos, que quere ser mestra cando sexa maior, Yanira, que ten o desexo de converterse en actriz, Laura, de seis anos, e Aldara, de sete anos e cunha grande vena artística, son as catro mozas que se embarcaron nesta aventura na que pasarán de ser meras espectadoras a converterse nas encargadas de contarlles contos aos demais.

Despois dunha intensa preparación baixo as ordes de Ángela Otero -a bibliotecaria da Illa-, estas catro contadoras de contos xa están preparadas para enfrontarse a un esixente público. Mañá mércores, ás cinco e media, recibirán na biblioteca do Naval aos nenos da galescola. Este venres serán elas as que visiten a escola infantil Sonrisas y Lágrimas, neste caso ás catro da tarde.

As actividades pecharanse o venres día 10, ás cinco e media da tarde, cando estas pequenas amantes da literatura crucen a ponte para recitarlles uns poemas aos maiores que viven na residencia Valle-Inclán de Vilanova.