Bayón e Suárez chegan á primeira xornada de descanso do Mundial Sub 12 con 2,5 puntos

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

27 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Campionato do Mundo de Xadrez de categorías base comezou a semana coa primeira das súas dúas xornadas de descanso na localidade grega de Halkidiki. Logo das seis primeiras roldas, os dous xogadores do Club Xadrez Fontecarmoa presentes na gran cita internacional, Juan Andrés Bayón e Julio Suárez, figuran empatados na clasificación da categoría Sub 12 con 2,5 puntos.

Tras perder co israelí Monteriano Eran, cun ELO FIDE de 1.869, Bayón acadou o domingo os 2,5 puntos cun triunfo sobre o colombiano Alejandro López Luis (1.888). Pola súa banda, Suárez asinou táboas pola mañá co alemán Sanlin Leonid, que se presentaba cun ELO FIDE de 1.940, caendo pola tarde co israelí Bakalchuk Johnatan (1.944). Os dous arousáns son os mellores españois Sub 12. Onte Bayón medíase precisamente ao campión hispano, Ferrán Cervello, mentres que Suárez facía o propio co kazaxo Zhakypov Artur.

Open McDonalds

Noutra orde de cousas, o C.X. Fontecarmoa organizou o pasado sábado o Open McDonals, penúltima proba do Circuito Galego Escolar. Lucas Abal, terceiro no cadro infantil, foi o mellor local.