Pequenos alumnos de A Escardia asisten a un obradoiro de ilustración de contos na biblioteca

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

21 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A biblioteca pública Rosalía de Castro, de Vilagarcía, súmase aos actos en conmemoración do Día da Biblioteca, que se celebra o domingo. O centro arousán organiza, en concreto, unha actividade destinada ao público de menor idade. Trátase do obradoiro plástico sobre ilustración de contos que se desenvolve esta mañá no auditorio. Nel toman parte 25 pequenos que estudan o primeiro curso de Primaria no colexio de A Escardia.

A encargada de impartir a actividade, titulada Debuxando nunha caixa de luz, é a ilustradora e contacontos Marisa Irima, quen, a través de diversas técnicas das artes plásticas, tratará de estimular a creatividade dos pícaros, así como incentivar a súa afección aos libros e á lectura. Empregará, neste senso, a liustración de contos. Os rapaces xogarán coas cores, as transparencias, o collage e unha caixa de luz, de xeito que aprenderán que existen moitos xeitos de plasmar as escenas e as imaxes dos contos, mesmo recreando pequenas sorpresas de luz e cor.

Promoción da lectura

A realización do obradoiro enmárcase dentro doprograma Letras Vivas, que patrocina a Consellería de cultura e Turismo. A súa finalidade é a promoción do libro e da lectura. A actividade comeza ás once da mañá na sala infantil e xuvenil da biblioteca, ubicada de xeito previsorio no edificio do auditorio, á espera de que rematen as obras de reforma da sede da rúa Alcalde Rey Daviña. A iniciativa terá unha duración aproximada dunha hora.