Cambados e Céltiga miden en Burgáns os seus potenciais e as súas necesidades

AROUSA
Juventud Cambados e Céltiga comezaron a Liga con dous obxectivos moi diferentes. O primeiro, salvar a categoría sen apuros. O seu veciño da Illa, recuperar á primeira de cambio unha praza na Terceira División. Os dous mídense hoxe no campo de Burgáns (17 horas) bastante distanciados das súas metas, co cadro anfitrión antepenúltimo na táboa e, polo tanto, en zona de descenso, e o seu adversario sétimo a 6 puntos dos postos de ascenso.
Así pois, Cambados e Céltiga chegan ao derbi obrigados a gañar. Claro que as urxencias son distintas. E non só polas consecuencias derivadas do hipotético fracaso dun e doutro adversarios ante os seus respectivos retos de temporada. Con só 4 puntos no seu casilleiro, dos 21 disputados ata o momento, o cadro local enfróntase a un Céltiga que vén de gañar os seus tres últimos compromisos ligueiros, co que iso ten de subidón de moral.
O estado anímico antóllase unha arma máis no derbi desta tarde, cos homes do cambadés Ángel Oliveira presionados na procura da súa segunda vitoria da campaña. Os pupilos de José María Rial, pola contra, deberían de saír ao campo coa serenidade coma compañeira e guía na procura dos puntos febles do contrincante.
Con 14 goles en contra, a dous por partido, a fraxilidade defensiva do Cambados é un flanco que o Céltiga tentará explotar. Sobre todo sabendo da aposta invariable de Oliveira por «xogar sempre a expoñer cousas», sexa quen sexa o contrario, en palabras do propio técnico do cadro cambadés. Oliveira confía en que, por unha vez, «o rival non se poida aproveitar dos nosos erros».
Pola súa banda, José María Rial advertíulles esta semana aos seus homes do perigo de confiarse ante un opoñente que sabe ferido. «Póñome moito na pel do contrario, e hai catro semanas nós estabamos nunha situación idéntica á do Cambados» antes de que o Céltiga iniciase a súa serie de tres vitorias.
Rial agarda «un rival súper motivado, que vai querer impoñer o seu bo ritmo de xogo». Pola súa banda, o conxunto illense apostará por «reducir os seus espazos, e crealos no noso ataque, sen renunciar nunca ao balón».
Se algo comparten Cambados e Céltiga esta tarde é a ampla nómina de importantes ausencias nos seus respectivos planteis. Ás baixas prolongadas de Toño Agra e de Edu, Oliveira suma hoxe a de Eulogio, con problemas nun xemelgo, e de Nico, por traballo, ademais da dúbida de Fran, con molestias musculares. A única boa nova é que Gabi podería saír de cara na portería logo dun mes lesionado e tras figurar xa na anterior convocatoria.
No bando illense, Rial é a primeira baixa, ao ter que seguir o encontro desde a grada de Burgáns no primeiro dos dous partidos de castigo que recibíu esta semana do Comité de Competición. Beni, por sanción, Estiven e Benito, descartados, e César, Edu Veiga e Nacho non figuran na convocatoria. A boa nova, que Nacho recibíu o venres a alta tras dous meses de recuperación da rotura parcial do ligamento cruzado dun dos seus xeonllos. Rial podería convocalo para o partido da vindeira semana.