Do éxito asegurado a un futuro incerto

Carolina Laya VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Mentres a maioría das exaltacións gatronómicas resultan ter boa acollida, outras acaban por desaparecer ou teñen dificultades para seguir celebrando novas edicións

19 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nos últimos tempos, a organización de festas gastronómicas incrementouse con creces na comarca de Arousa. Tanto foi así, que, a día de hoxe, case calquera produto ten a súa peculiar homenaxe a modo de festa de exaltación de verán.

Fai anos, as máis recoñecidas, a do Albariño, en Cambados, que é a máis vella con xa 58 edicións ás súas costas; a do Marisco, do Grove, que se vén celebrando dende fai 46 anos; a to Tinto de Barrantes, con 38 edicións xa feitas; a da Ameixa de Carril, celebrada dende fai 18 anos; e as do Mexillón de A Illa e Vilanova (esta última engadindo tamén á exaltación o berberecho), con 19 e 16 anos de vida respectivamente; eran as únicas festas que congregaban un gran número de persoas en torno á figura dun produto gastronómico. Entre estas destaca tamén a festa dos callos, o potaxe por excelencia de Galicia, ao que o Concello de Meis adica unha festa que abre o verán dende o ano 1991.

O viño e o marisco foron sempre aos que máis se lles fixo este tipo de homenaxes, pois son dous produtos moi propios da zona que, ademais de chamar a atención entre os veciños, tamén o fan fóra da nosa comarca. Co paso do tempo, outro tipo de alimentos, como carnes ou outras potaxes como a fabada, introducíanse paulatinamente neste mundo das exaltacións.

Deste xeito, o polo asado, en Ribadumia, a fabada, o poldro e os chourizos ao viño, en Meis, a vieira, en Cambados, ou inclusive o pincho moruno, en Vilanova, unha das máis recientes; entraban a formar parte deste calendario festivo de verán. Con elas aparecían tamén a festa do bacallau, en Vilagarcía, e a dos ovos con chourizo, en Pontecesures.

Estas dúas non tiveron tanta sorte como as anteriores, e, no canto de asentarse neste campo, remataron por desaparecer cando estaban a piques de cumprir os cinco anos de celebración.

A do bacallau, fíxoo no ano 2007. O evento consistía en ofrecer aos asistentes distintas variedades de bacallau a prezos populares. Ademais, durante os catro días que duraba a festa, había tamén actuacións musicais, especialmente folclóricas. Despois de celebrarse dende o ano 2002 en Vilagarcía, os hostaleiros da cidade armáronse na contra desta exaltación porque consideraban que o Concello estaba ignorando o dano que este tipo de celebracións lle podía facer ao colectivo. Despois dun gran número de discordias, e de incluso cambiar a súa data de celebración debido á grande concentración de actos festivos cadraban con ela, a iniciativa desta festa esvaeceuse para sempre na cidade.

O caso da festa dos ovos con chourizo de Pontecesures tivo unha historia semellante, aínda que á vez moi peculiar. Esta celebración comezouse facendo en 1991 para recuperar a tradicional comida campestre que seguía ás actividades relixiosas de San Lázaro. Nin veciños nin restauradores estiveron nunca de todo de acordo con que a homenaxe gastronómica fose para este produto. «Esto no tiene sentido. Hacer la fiesta de los chorizos en Cesures, es igual que hacer la del marisco en Lalín y la del cocido en O Grove. Cada cosa tiene su lugar y Cesures debía buscar un producto autóctono para ofrecer a los romeros», sinalaba un restaurador.

Ao que fora alcalde de Pontecesures alá polo ano 1996, Victorino Trenco Romay, tampouco chegou nunca a agradarlle esta celebración. De feito, o rexedor engadiu a súa extinción no programa de goberno que o levou a ser elixido primeiro edil.

Finalmente, a festa dos ovos con chourizo, desaparecía tamén nun clima discordante para dar a benvida á Festa da Lamprea, un produto típico da zona do Ulla que os veciños acolleron de bo grado por ser «verdadeiramente representativa de Pontecesures e da súa gastronomía».

Estas dúas caídas remataron por eliminar as festas do bacallau e dos ovos con chourizo por completo. Pero estas non foron as únicas baixadas no tocante á repercusión dalgunha das festas gastronómicas.

A última consecuencia deste incremento máis que notorio na organización de celebracións gastronómicas é a baixada da afluencia de visitantes na Festa do Carneiro, celebrada en Rubiáns.

A pesar de ser unha das exaltacións gastronómicas máis xoves (vai tan só pola terceira edición) as malas cifras de vendas deste ano obrigaron a levar o carneiro sobrante ao asilo de Vilagarcía para que non se botara a perder.

Algúns botáronlle a culpa a que o bo tempo que fixo ese día non axudou a que se fose degustar este prato tan pesado, pero o certo e que, festas como a dos callos ou a fabada, de Meis, fanse tamén na época estival e colectan cada ano un éxito tras outro.

Así, a consolidación das festas máis vellas e de algunhas novas, contrapónse agora coas dificultades que están tendo as máis recentes para seguir o seu camiño. Estas últimas son un claro exemplo de que quizais a axenda gastronómica de verán estea algo saturada nas fins de semana. Hai días nos que chegan a coincidir festas deste tipo en varios puntos da comarca, o que obriga á xente a repartirse e que fai tamén que unha lle quite a xente á outra, algo no que, polo xeral, saen perdendo as máis novas.