«Los Duendes tocamos con Julio Iglesias no seu debú tras Benidorm»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA |

AROUSA

Cantante en dous dos grupos lendarios da música galega, cunha exitosa carreira que rematou en Los Tamara, a paixón do vilagarcián polo mundo do tren deu pé á súa amizade co Nobel Cela

04 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Na Grecia Antiga, o berce da civilización occidental, a música e a historia eran dúas das máis valoradas actividades humanas. Ata o punto de que os gregos atribuían os grandes fitos destes campos á axuda en forma de inspiración de dúas das súas nove musas das artes e das ciencias. Desde aqueles tempos choveu moito, e o certo é que pode resultar bastante chocante ver hoxe en día a un home que se define a si mesmo coma historiador e coma músico sen distinción nin porcentaxes. Un home que estudou para vivir do pasado, e que só o conseguíu ao final da súa historia laboral, despois de facer da canción a súa profesión.

Para as novas xeracións Manuel Suárez Fuentes resulta un completo descoñecido. Pero Manuel Lassa é unha das voces con máis fondo de armario na canción melódica galega. Retirado máis aló de esporádicas actuacións co Quinteto Arousa e a Big Band de Vilagarcía, o noso personaxe foi a voz de grupos e orquestras tan emblemáticas como Cortegada, Los Duendes e Los Tamara. Neste último, substituíndo ao mítico Pucho Boedo ao ano da súa morte.

Quixo o destino, outro gran legado conceptual herdado da vella Grecia, que Manuel Suárez descubrise a música por casualidade. Desde o lugar dos Martices, en Vilagarcía, con 18 anos se trasladou a Madrid cuns tíos para cursar a carreira de Historia. Eran os comezos da década dos 60, e uns amigos da súa familia que traballaban na recén nacida Televisión Española no apartado musical comezaron a darlle clases de canto. E de aí foi pobar sorte nun dos programas do momento, Salto a la Fama.

Suárez lembra que «tiven que pasar un cásting no Paseo de La Habana, preto do Bernabeu, onde estaba daquela a TVE. Rafael Ibarbia, o pianista da televisión, e Augusto Algueró, que era compositor de xente coma Nino Bravo, facían a selección. Colléronme e fun a dous programas». E alí cantou sen nervios ningúns. En parte porque durante as vacacións veraniegas en Galicia xa comezara a facer os seus pinitos no mundo da canción coa orquestra Cortegada. En parte porque «Ibarbia me deu tranquilidade». Tanta, que pronto lle pedíu ao xoven Suárez, rebautizado xa como Lassa por Algueró por cuestións de gancho artístico, que o acompañase nas noites madrileñas a tocar nas salas de festas.

Os seus mentores na TVE quedaron sorprendidos cando ao pouco tempo, en 1967, Suárez decidía voltar a Galicia animado desde Vilagarcía por Alfonso Galbán. A curiosidade de Ibarbia por ver cal fora o motivo da marcha do seu prometedor protexido levouno a acercarse ata a capital arousá para escoitar a Los Duendes. E o seu olfato musical díxolle de inmediato que alí había materia prima para o éxito.

Coa axuda de Ibarbia o novo grupo ampliou pronto a xeografía do seu escenario, viaxando por media Europa e mesmo polo norte de África, onde permaneceu durante tres meses nun hotel de luxo en Orán, relevando a Los Tamara. Dous discos grabados foi, naquel tempo, o sinal máis claro de que Los Duendes era unha marca de éxito.

«Daquela eramos un grupo moi coñecido en Galicia», lembra Manuel Suárez. «Tocabamos por España e polo estranxeiro, Suíza, Alemaña, Francia, Bélxica...». E por iso xente coma Nino Bravo, Raphael, Os Tres Sudamericanos, Concha García Piquer ou Francisco quixeron tocar co grupo vilagarcián en tantas ocasións. Eran os 70, os anos dourados de Los Duendes.

Daquela época garda Manuel Suárez unha das anécdotas que con máis cariño atesoura, co artista máis grande que, alomenos ata o día de hoxe, deu a música española. «Nós tocamos con Julio Iglesias no seu debú. Viña de gañar o Festival de Benidorm con La vida sigue igual, e cantaba por primeira vez, en Valencia. Traíao Quique Roca, un trompetista catalán. Cando comezamos a ensaiar con Julio Iglesias, Roca acercóuseme e dime. Mire, cuando este hombre cante, ustedes a rezar, -que non tocaramos alto para non cubrilo-. Tiene poquita voz, díxome, pero tiene algo, puede llegar a ser artista. Fíxome moita gracia».

O vocalista de Los Duendes atribúe boa parte do seu estrelato ao afán innovador do grupo en materia de equipos musicais e de iluminación. «Había xente que viña de Madrid que non tiña o que nos tiñamos. Os equipos que lles viamos a grupos americanos traiámolos. E tiñamos unha luz negra para o noso espectáculo. Unha vez en Noia a comisión de festas apagou a iluminación e acendemos o noso foco negro, que resaltaba os nosos traxes brancos, e de repente, entre miles de persoas, escoitouse un ¡oooh...! Fumos os primeiros en Galicia en empezar a empregar a iluminación nos espectáculos».

Deixando aparte a Los Tamara, que «estaban pouco por aquí», «Los Duendes e Los Players eramos os grupos estrela de Galicia» nos anos 70. Unha especie de París de Noia e Panorama de hoxe en día, explica Suárez. «Entre nós non había rivalidade. Nós eramos amigos. A rivalidade buscábaa a xente». E sobre todo, apunta con indulxencia, as comisións de festas, que aproveitaban o tirón duns grupos que movían masas. «Había xente que se desprazaba para vernos». Mesmo en Suíza, onde «tocaras onde tocaras, viñan españois de moitas outras cidades».

A inauguración de salas de festas, a aparición en varias ocasións na TVE, e xiras tan intensas que «ás veces non tiñamos datas para tocar» daban fe de que Los Duendes estaban na cresta da onda. «Daquela gañabamos bastante diñeiro», confesa.

Dúas décadas estivo Suárez en Los Duendes. No 88 deixouno, para dirixir un par de anos Fexdega, elixido polo Concello de Vilagarcía para o cargo. Un bienio que ve coma «unha época dificultosa para a feira», lastrada por «líos de anos anteriores».

En 1990, un ano despois do pasamento de Pucho Boedo, Los Tamara, declarado no seu día grupo representativo de Galicia pola Xunta, chamou á porta de Suárez para que suplise o seu vocalista. «Xa traballaramos xuntos con Los Duendes, eu era recoñecido no mundo da música, e coñecía todas as súas cancións». Nos seus dous anos con Los Tamara grabou un disco. Pero a súa vocación, a historia, agardábao entón no arquivo municipal de Vilagarcía.