«Non penso que esteamos sós, creo que ha de haber vida noutros planetas»

Carolina Laya VILAGARCÍA /LA VOZ.

AROUSA

13 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Isaías traballa na construción, pero dende neno tivo curiosidade por saber que hai máis aló do ceo. Fai catro anos o seu interese foi a máis e hoxe será o guía da observación das Lágrimas de San Lorenzo no monte de Siradella, no Grove.

-¿Esta choiva de estrelas aparece todos os anos?

-Si, non é un deses fenómenos que só aparecen unhas cantas veces. As Lágrimas de San Lourenzo pódense ver todos os anos por estas datas.

-¿Como comezou o teu interese por este mundo?

-Eu teño isto como un hobby . Dende pequeno sempre me interesou, pero fai uns catro anos, a Agrupación Astronómica Rías Baixas veu ao Grove a dar unhas charlas e trouxo material para que puidéramos observar. Foi aí cando me comecei a meter máis afondo no mundo e merquei un telescopio e libros para saber máis do tema.

-¿Fuches partícipe dalgún avistamento estraño deste tipo?

-Si. Unha vez, mentres estaba pescando, arredor da unha da mañá, vin unha especie de círculos enormes na auga. Deles saíu unha luz que se perdeu no firmamento. Aínda agora non se sabe que foi, pero vímolo unhas cantas persoas.

-¿Cres entón que hai vida noutros planetas?

-Si, algo ten que haber. Dende logo non penso que esteamos sós. Cada pouco tempo están descubrindo novos planetas, e nalgúns deles din que pode haber auga e, polo tanto, vida.