Catoira rapa ás súas bestas

Begoña Paso redac.arousa@lavoz.es

AROUSA

27 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cabalos e homes ou mulleres non adoitan loitar corpo a corpo. Nembargantes, hai certas datas ao ano que baixan á area para amosar candaseu potencial. Catoira festexou durante a fin de semana unha nova edición da súa rapa das bestas do Xiabre. Non foi nin a máis peliaguda nin será tampouco a última, máis que nada porque está demostrado que este tipo de curros e de citas ancestrais teñen futuro dabondo como para persistir outros tantos anos.

Cos lombos espidos baixo un sol de xustiza os aloitadores baixan ao fondo do curro. O obxectivo é o de rapar as crins dos cabalos, que ademais de estar nerviosos e atrapados desconfían do que se lles vén enriba. O certo é que non ocorreron feitos que lamentar pero a virulencia coa que se establece a relación entre animal e home non invita a baixar senón é porque se ten dominada a técnica e as forzas acompañan. Como ocorre noutras citas nas que os animais son os protagonistas, é preferible deixar aos expertos que lamentar danos físicos.

Catoira vai descontando días no seu calendario para dar a benvida á edición número 50 da súa coñecida e recoñecida Romaría Vikinga, que se levará a cabo o vindeiro 1 de agosto. A rapa foi quizais o primeiro dos actos que sitúan á localidade catoirense na órbita dos visitantes. Xa houbo un elevado índice de persoas no curro e sen dúbida algunha o desembarco atraerá, unha vez máis, a milleiros de persoas, moitos veteráns e algún debutante. Catoira ten gañas de festa e o resto da comarca do Salnés terá que decidir e compaxinar o Albariño coa Romaría.