Antonio Linares, do Raspa, convocado por España para o Mundial de Pesca Submarina

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

04 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os seleccionadores nacionais de pesca submarina convocaron esta semana o deportista da A.D.C. Raspa-Edisa de Vilagarcía Antonio Linares ao Campionato do Mundo da especialidade, que se disputará do 14 ao 19 do mes de setembro na localidade croata de Mali Losinj.

Linares será un dos nove integrantes do equipo español. Unha praza de honra que refrenda a brillante traxectoria ascendente do deportista do club vilagarcián nos últimos anos. A convocatoria supón sen dúbida unha enorme inxección de moral para Linares, que coma o resto dos especialistas galegos está a traballar coa motivación extra da moi probable elección da nosa comunidade autonóma coma sede do Mundial 2012 de pesca submarina.

Tras a chamada dos seleccionadores hispanos a Antonio Linares agóchase a excelente tempada que está a asinar o pescador da A.D.C. Raspa-Edisa. Subcampión galego individual no mes de maio e subcampión autonómico de clubs co equipo vilagarcián, Linares finalizou hai tan só unha semana na sexta praza do Campionato de España de Pesca Submarina nas augas cántabras de Laredo.