Entre as bambalinas da casa

Roi Palmás
Roi Palmás VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

O mundo do teatro fixo posible hai tres anos que o fogar dos Blanco se convertese nun viveiro de artistas. O futuro teatral está máis que asegurado

27 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai agora tres anos nacía en Vilanova de Arousa o grupo de teatro Valle-Innova. Daquela non era máis que un proxecto cultural pensado para ensalzar a figura de Valle-Inclán. Hoxe en día aqueles primeiros obxectivos, modestos, convertéronse xa nunha realidade, nalgo tanxible e que segue a medrar.

Quizais a maior responsable deste feito sexa a súa directora, Fátima Rey Blanco. Ten agora 26 anos e leva desde os 23 traballando arreo con amigos, afeccionados e mesmo ca familia.

O certo é que naquel momento a súa irmá Verónica e a súa nai Rosa respostaron «si» ao ofrecemento da máxima responsable do elenco para dar un paso ao frente. No álbum de recordos familiar dos Blanco estará sempre, con letras de ouro, o debut das tres nun mesmo proxecto. Ocorreu no transcurso da representación de El Embrujado o pasado inverno. Sobre ese indescriptible momento, lembran as protagonistas que «foi algo fermoso, a pesares dos nervios do directo». De feito, elas mesmas son as que recoñecen que «é unha vantaxe poder actuar todas xuntas porque hai unha grandísima complicidade entre todas nós».

Non obstante cabe salientar que a cercanía do sangue non inflúe no día a día dos ensaios nin lle resta calidade algunha. «Traballar con Fátima dache máis confianza e máis tranquilidade. O certo é que todos temos moitísima complicidade con ela». Iso si, o mero feito de que a directora e as actrices se coñezan dun xeito tan achegado reporta, ás veces, unha pequena gran dose de esforzo extra, entre outras cousas porque «nunca podemos poñer excusas para non ensaiar ou para non entregarnos, xa que Fátima sabe en todo momento onde estamos e o que estamos a facer», confesan nai e filla ao unísono.

O certo é que os que con ela traballan recoñecen que «fai as cousas sinxelas e bota unha man a todo o mundo, e iso sempre é de agradecer».

Orixes ben diferentes

A paixón de Fátima ven de lonxe. Como moitos outros amantes desta especialidade artística, a que hoxe en día é a máxima responsable de Valle-Innova, comenzou no colexio, pasou polos grupos de teatro do instituto, foi a Madrid a estudiar Arte Dramático e en 2007 comenzou a darlle vida a este proxecto. Confesa que «o máis complexo é facer as adaptacións dos textos e preparar esas obras», ainda que atopa axuda e folgos nos seus achegados.

Pola súa banda, Verónica, a irmá máis nova, destaca que interpretar o xeito de escribir e compoñer de Valle é complexo. «Hai vocabulario moi rebuscado ás veces, pero aí é onde nos axudamos, para facelo máis fácil». Ademais, lembra que «moitos comenzamos na agrupación para ver que pasaba e xa levamos estes tres anos».

Por último, a nai destas dúas artistas completa a tríada teatral da casa. Ela, que nunca se plantexara esta vía creativa ata que se apuntou a un cursiño do Concello é actualmente un membro máis, e polo tanto clave, de Valle-Innova. Recoñece que «a min sempre me gustou achegarme ao mundo do teatro pero sempre me pareceu algo inalcanzable. Non se me pasaba pola cabeza ter esta afección».

É obvio que o futuro está asegurado na familia e no grupo de teatro. É máis, para cando Fátima, Verónica e Rosa estean acostumadas a recoller recoñecementos de público e crítica, poderán darlle a alternativa ao pequeno da casa, Nicolás.