Vilagarcía convértese na sede do prestixioso premio literario Modesto Figueiredo

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

25 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Vilagarcía será por vez primeira a sede do certame galego de narracións breves Modesto Rodríguez Figueiredo que no 2010 acada a súa trixésimo sexta edición.

O premio literario, que hoxe se presentou na capital arousán, está organizado pola Fundación do Padroado Pedrón de Ouro. O seu secretario, David Otero, subliñou que o feito de escoller este ano o municipio vilagarcián é un «recoñecemento á implicación que no eido da promoción da narrativa e do uso do galego está a demostrar o concello de Vilagarcía».

Neste mesmo sentido, o concelleiro de Cultura Xosé Castro Ratón, lembrou que este 2010 está a ser para Vilagarcía un ano especialmente intenso no que a convocatorias co ámbito literario ten que ver. Castro lembrou que recentemente vense de presentar os fallos do premio de relatos curtos Xaquina Trillo e o premio de poesía O Grelo, e que aínda está aberto o prazo para a presentación de obras ao premio de Poesía Fermín Bouza-Brey, convocado polo concello vilagarcián. Castro Ratón agradeceu á fundación do padroado Pedrón de Ouro o feito de elixir Vilagarcía e lembrou a «aposta decidida , e unha vez máis reflectida, do Concello polo proceso de normalización da nosa lingua e da nosa literatura».

O certame é un dos máis prestixiosos da narrativa galega. Como sinalou o secretario do padroado Pedrón de Ouro, «non pola súa contía económica senón especialmente pola súa traxectoria e porque xa se consolidou como un referente no que ao impulso e ao promoción de escritores se refire».

Entre a nómina de galardoados nos seus 36 anos de historia figuran nomes consagrados das letras galegas como Xosé Manuel Martínez Oca, Xavier Alcalá, Víctor Freixanes ou Suso de Toro. As persoas interesadas en participaren nesta convocatoria deberán presentar as súas obras antes do 15 de novembro de 2010, ben na sede da fundación, ben na propia Casa do Concello da capital arousá.

As bases deste certame poden ser consultadas e descargadas dende a web municipal de Vilagarcía: www.vilagarcia.es.