O BNG aposta por unha saída «xusta» á crise fronte a «dimisión» de PSOE e PP diante do poder financeiro

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

10 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Esta tarde, a partir das oito e media, a sala de conferencias do auditorio de Vilagarcía acolle un acto protagonizado polo tenente de alcalde, Xosé Castro Ratón, a secretaria nacional do BNG, Monserrat Prado, e o deputado da formación nacionalista no Parlamento galego, Bieito Lobeira. O obxectivo da cita é explicar á cidadanía as alternativas que o nacionalismo galego propón para acadar «unha saída xusta á crise», alén do «tesoirazo de Zapatero e as políticas neoliberais de PP e PSOE».

Onte foi a propia Monse Prado quen, xunta o responsable comarcal do BNG, Xoán Antonio Allegue, e o secretario da CIG en Arousa, Xan Bouzas Tupi , presentaron as principais liñas nas que se fundan as propostas do Bloque. Para empezar, Tupi cuestionou a efectividade das medidas que anuncia o Goberno, posto que «só recortan os dereitos da clase traballadora sen atacar a raíz do problema». Persuadida de que ese problema non se atopa no mercado laboral, a CIG pregúntase que fan a UGT e CC. OO. nas mesas de negociación social, e o Executivo de ZP someténdose aos ditados dos mercados financeiros e organismos coma o Fondo Monetario Internacional, que non controlan ningún goberno democraticamente elixido por cidadáns de ningures».

Esta submisión do poder político, escollido polos cidadáns, a un poder económico rexido só pola súa avaricia constitúe, precisamente, a principal das preocupacións que manifestou a secretaria nacional da fronte nacionalista. Prado aposta por un «cambio radical de modelo económico, sen medidas dirixidas contra as maiorías sociais, traballadores, autónomos, pequenas empresas». As propostas das que o BNG parte, asegura a política arousá, baséanse en aspectos esquecidos polos poderes estatais, coma a loita contra ese 25% do PIB no que se calcula o fraude fiscal imperante no Estado, ou na necesidade de gravar rixidamente figuras coma as sociedades de investimento colectivo e dar prioridade aos sectores produtivos fronte á especulación financeira. Na súa opinión, o que os grandes partidos, PSOE e PP, están a facer nesta grave situación é «dimitir» da súa responsabilidade coma representantes dos cidadáns.