A sexta edición do Trofeo Fasquía abre esta tarde na Illa de Arousa a tempada do Trofeo Galicia de Dornas a Vela, unha competición coa que se busca reivindicar a figura e a conservación dunha das embarcacións mariñeiras con máis historia e tradición do país.
A proba illense terá no peirao do Xufre o seu punto de saída e de chegada. Ás 16.15 horas a frota en competición partirá para cubrir dúas veces o perímetro do triángulo formado polo propio peirao, o faro do Seixo e a boia de delimitación dos polígonos de bateas, facendo un total de oito millas de navegación.
A previsión da organización, que corre a cargo da Asociación Cultural, Deportiva e Promotora de Actividades Xuvenís Fasquía, pasaba onte por contar con máis de 40 embarcacións presentes na liña de saída, sobre a base das 42 dornas a vela que se viron en acción na edición do ano pasado.
Nove son os clubs e asociacións que confirmaron a súa participación no Trofeo Fasquía, procedentes de sete concellos das tres rías baixas galegas. A ACD Dorna e a ACDX Fasquía da Illa de Arousa, a ACD Amigos da Dorna Meca do Grove, a ACD Lajareu por Barlovento de Ribeira, o Club Mariño-Salnés de Cambados, a ACD Amigos da Dorna de Portonovo, o Club Náutico Rodeira de Cangas, e a ACD Calmoseira e a AC Rabandeira de Vilanova de Arousa.
Finalizada a regata, a organización ten prevista a entrega de trofeos na Escola de Pao da Illa de Arousa entre as 20 e as 20.30 horas.
O Trofeo Galicia de Dornas a Vela contará con outras tres probas puntuables máis. A Regata dos Faros, que organizará a Asociación Amigos da Dorna Meca do Grove, a Regata do Albariño, que correrá a cargo do Club Mariño-Salnés de Cambados, e o Triángulo do Bao, que traerá a frota tradicional de volta á Illa de Arousa nunha regata da que se encargará a asociación local ACD Dorna.
Vista desde terra firme
Desta última entidade saíu a embarcación gañadora do Trofeo Fasquía 2009, coa victoria da Cariñosa , marcada pola épica que lle proporcionaron as malas condicións climatolóxicas reinantes na edición do ano pasado.
A situación do campo da regata permitirálles aos espectadores seguir con todo luxo de detalles a evolución da proba desde terra firme.