O BNG quere evitar a supresión da liña ferroviaria de cercanías entre Vilagarcía e Santiago

M. S. VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

28 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Bloque Nacionalista Galego entende que o transporte ferroviario tivo e ten moita importancia no desenvolvemento da comarca do Salnés, non só no que atinxe ao transporte de mercadorías, senón tamén de persoas. O vicerresponsable comarcal desta formación, Xan Castaño, lembraba onte que «ata hai pouco, era o único transporte público en concellos como Catoira», e ata afirmaba que «hai persoas que teñen carreira universitaria grazas ao tren» e que este «incluso serviu de pantalla para evitar un desenvolvemento urbanístico especulativo en certas zonas coma en Bamio».

Esta postura de férrea defensa do servizo de ferrocarril levou ao BNG a trasladar este tema ao Parlamento de Galicia. Fíxoo a través dunha proposición non de lei coa intención de que se cree un servizo de cercanías entre Vilagarcía e Catoira.

Para presentar esta proposta estivo onte na capital arousá o deputado nacionalista Bieito Lobeira, quen criticou que mentres o Ministerio de Fomento pon en marcha o Eixo Atlántico se suprima o servizo tradicional. «Nós somos partidarios de manter o servizo ferroviario, de manter a cohesión social a través dun modelo de transporte colectivo eficiente».

Lobeira engade que, dado o poboamento disperso que caracteriza a Galicia, «se se pretende que a xente poida vivir na súa vila ten que haber un sistema de transporte eficiente», e se non é así, «a xente concentrarase nas cidades».

O deputado nacionalista pon sobre a mesa o atraso de Galicia neste tema, exemplificado en que non hai na comunidade «un só quilómetro de servizo ferroviario de cercanías». Máis ben ao contrario, «hai un intento que se vai concretando desde hai dous anos por parte de Fomento» de reducir cada vez máis o número de estacións. Neste senso, desapareceu xa a de Portas e tamén «están en perigo outras como Catoira, Pontecesures, Padrón ou A Escravitude».

Desde o Bloque lembran que antonte houbo un acordo no Parlamento de Galicia para constituír un ente ferroviario propio. O seu obxectivo é seguir afondando neste ámbito, de aí esa proposta non de lei que propón a formación nacionalista.

Esa proposta prevé non desmantelar a liña ferroviaria actual que une Vilagarcía e Santiago de Compostela. Outro requisito para acadar un sistema eficaz de cercanías sería, por suposto, que se manteñan as estacións de Pontecesures e Catoira. E esta é a segunda das medidas que propón a formación nesa proposta parlamentaria.

O seguinte paso sería que o Goberno central transferise a Galicia as competencias sobre ese tramo, para que finalmente, ao amparo dese ente ferroviario galego que se vén de constituír, se crease esa liña de ferrocarril de cercanías.

Ao mesmo tempo que rexistrou esa iniciativa, o BNG presenta tamén unha pregunta para que o conselleiro de Infraestruturas dea conta das xestións que está realizando neste eido.

Para o Bloque a liña verde que algúns propoñen crear nas vías en desuso «consiste nun tren chucu-chucu desestresante por esta ría». «Ese non é o noso modelo», reafirma Lobeira, que cre tamén que «hai outras experiencias no Estado español» de servizos ferroviarios deste tipo, que poden incluso, ao seu xuízo, mellorar «en cuestión de frecuencias e horarios» as prestacións actuais que ofrece a liña entre Vilagarcía e Santiago.