Galiza Nova organiza un concerto reivindicativo para defender o galego

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

12 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Galiza Nova do Salnés organizou un concerto co que pretende reivindicar o dereito a coñecer e empregar o galego en todos os ámbitos da vida. O acto terá lugar este venres, ás once da noite, na praza da Peixería, e actuarán os grupos Skalopendra, A Sacho e Maino.

Skalopendra é unha agrupación de cinco rapaces influenciados por formacións coma Extremoduro, Ruxe Ruxe, Heredeiros da Crus ou Ramones. Os seus compoñentes son Víctor Bouzas, Manuel Chazo, Christian Abal, Xoán Tourís ou Paolo Ayude.

A Sacho formouse hai catro anos, aínda que con outro nome. Os actuais integrantes son Fanny, Emilio Tuño, Cela, Vithor, Silvia e Kike Abelenda. A súa música caracterízase polo rock contundente, con moito son guitarreiro.

Por último, Maino nace a principios do ano 2008 cando dous amigos, Nute e Txarls, deciden unirse. A partir de aí preséntase unha odisea en busca de xente que comparta os mesmos gustos musicais. Así aparecen Rober e Víctor, e despois Minerva, como vocalista.

Con este concerto Galiza Nova pretende deixar claro o seu rexeitamento á política lingüística da Xunta. «O goberno do PP presidido polo señor Feijoo está levando a cabo o maior ataque á lingua da historia da democracia», aseguran. Para iso «espallan na sociedade a demagoxia do multilingüismo e da liberdade de elección, dándolle a volta ao conflito lingüístico, vendendo unha situación na que supostamente o español é a lingua que está discriminada e o galego é a lingua imposta por uns poucos, cando a realidade é totalmente contraria».

Para defender estas ideas, Galiza Nova non só organiza este concerto pola lingua, senón que sairán á rúa o 17 de maio, Día das Letras Galegas, convocada pola plataforma Queremos Galego.