Antonio Lobato, das Torres, e Tania Álvarez, do Breogán, lideran os ránkings nacionais

AROUSA

22 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Dous palistas arousáns brillan con luz propia no arrinque da nova tempada de piragüismo estatal. Antonio Manuel Lobato Isorna, das Torres-Romaría Vikinga, e Tania Elisabeth Álvarez Yates, do Breogán do Grove, encabezan os ránkings nacionais das súas respectivas categorías e modalidades, unha vez computadas as dúas primeiras probas valedeiras para o acceso ao control selectivo do que sairá o equipo español para o Campionato de Europa de Pista 2010.

Antonio Manuel Lobato figura á fronte do ránking nacional de canoa júnior. Tanto no de 500 metros, como no de 1.000. No medio quilómetro, o palista do club catoirense suma os 27 puntos que acadou na Regata Nacional de 1.000 metros, un máis que Mohammad Amar, do Piragüismo Lipasam. Entre os dez primeiros do mesmo ránking figuran outros tres canoístas das Torres: Brais Martínez, sétimo con 21 puntos, Diego Miguéns, oitavo con 20, e Anxo Galbán, décimo con 18.

O referente do plantel xuvenil do Baixo Ulla aparece primeiro no ránking dos 1.000 metros empatado a 53 puntos con Amar. Diego Miguéns é neste caso quinto con 44, e Anxo Galbán noveno con 34, contabilizándose ademais da Regata Nacional de 1.000 metros a clasificatoria do Campionato de España de Inverno, sobre 2.000 metros.

Tania Elisabeth Álvarez, pola súa banda, encabeza o ránking nacional cadete feminino, que ata o momento suma a actuación nas clasificatorias e finais sobre 5.000 metros do Campionato de España de Inverno. A breoganista conta con 40,5 puntos, polos 37,5 de Ana Martínez Sanjurjo, do Covadonga.

A calidade do piragüismo arousán tamén queda patente nas categorías sub 23 e absoluta da canoa masculina. Na primeira delas, con dous nomes propios. O do palista das Torres Diego Romero, e o do breoganista Ángel Cristian Ribademar. Romero é segundo no ránking nacional de 500 metros (23 puntos) e de 1.000 (47), con Ribademar terceiro en ambos (20 y 39). Yeray Picallo, do Náutico Firrete, é o rival a bater tanto no medio quilómetro (26 puntos) como na distancia do quilómetro (49).