«Este era un porto de mar, agora pódese ir case ata Rianxo andando»

La Voz VILAGARCÍA |

AROUSA

Marchou para Santiago a facerse economista e volveu convertido en actor a unha Vilagarcía na que se subiu ao escenario por primeira vez e na que bota de menos o mar

20 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

María Santalla Gustaríalle ter elixido como rincón o escaparate da consignataria Reboredo, preto da Alameda, coa súa bola do mundo e a súa maqueta de barco, porque cando era pequeno e se achegaba ata Vilagarcía sempre quedaba alí, mirando para dentro un bo anaco. Pero nin a bola nin o barco seguen no mesmo sitio. «Por non estar non está nin o mar», laméntase. Porque o mar, cando Tacho González era aínda César González Somoza, chegaba ata a Alameda, e este vilagarcián bótao de menos alí e expresa «unha queixa amarga» pola súa falta. «Este era un porto de mar, agora non hai mar, pódese ir case ata Rianxo andando».

Tacho González naceu detrás da estación, na Espiñeira, «no que sería Escocia» nesta Vilagarcía que se fai chamar Inglaterra. O primeiro que viu, di, foi o muro da Golpelleira. Desde alí comezou a descubrir o mundo e tamén unha Vilagarcía moi distinta á de hoxe. Nela viviu ata os dezanove anos, cando marchou estudar a Santiago, con un pouquiño de retraso porque «houbo un pequeno tropezo no Bacharelato», aínda que non o quere dicir moi alto para non darlles ideas aos seus fillos. «Teño tres, dúas fillas maiores e un pequeno de nove anos que hoxe quedou cabreado porque non o trouxen», explica.

Perderse e atoparse

«Cando cheguei a Santiago dixéronme que se botaba moza que procurase que fose de fóra, porque se era de Santiago xa non marcharía». Pero Tacho non fixo caso dos consellos e buscou unha moza compostelá. Efectivamente, a profecía cumpriuse e quedou alá, «enraizadísimo». Despois de trinta anos na cidade do Apóstolo, xa non sabe moi ben de onde é, porque «aquí pérdome e en Santiago estou empezando a atoparme».

Comezou a súa vida universitaria estudando Económicas, pero o asunto da escena xa lle tiraba. Xa en Vilagarcía participara no grupo de teatro Ítaca, onde empezaron tamén outros actores como Carlos Blanco ou Josito Porto, recorda. Esa afección e a necesidade de buscar unha fonte de ingresos levárono a presentarse a unhas probas como dobrador. Collérono e desde entón xa non deixou de traballar no cine ou na televisión, xa fose diante das cámaras, como actor, ou detrás, prestándolle a súa voz a actores como James Stewart ou Robin Williams.

Despois da primeira película que fixo deulle tanta vergoña verse que dixo que nunca máis se poñería diante dunha cámara. Afortunadamente, non cumpriu a súa promesa. Pouco despois presentábase a un cásting e acababa presentando A Repanocha , un programa na Televisión de Galicia que constituíu «un éxito tremendo». Despois viñeron as series e algún pequeno papel nalgunha película. Di que se sente máis cómodo así, con pequenos papeis, con menos responsabilidade.

O Sindo de «Padre Casares»

Agora mesmo ten unha chea de seguidores nunha das series de éxito que produce Voz Audiovisual e que emite a TVG, Padre Casares , onde lle da vida a Sindo, dono do bar da vila xunto coa súa esposa Lidia (Patricia Vázquez), unha muller de armas tomar. «Tivemos un momento de durísima competencia con La Señora , pero agora está funcionando moi ben. Fíxose tamén en Cataluña e Andalucía. Agora tiña que animarse a Voz a xuntarnos ás tres versións de Padre Casares ».

Malia que os seus comezos foron na escena, co grupo Ítaca, Tacho González confesa que hoxe «sería incapaz de volver facer teatro». Entende que é un traballo máis rigoroso. «Na tele podes dar para atrás. No teatro fas ou non fas, o público está aí. É un mundo distinto ao que lle teño moito respecto». Por iso lle dá para atrás subirse ao escenario dunha obra de teatro, aínda que non descarta, quizais, atreverse algún día a regresar a esas orixes.

As multas da policía portuaria

Paseando por Vilagarcía non deixa de sorprenderse do que cambiou a cidade desde que a miraba con ollos de adolescente. «Acabo de ver a un policía portuario que estaba poñendo multas, sorprendeume moito». Camiña e vai salpicando recordos: na punta do peirao de pasaxeiros «collíase o barco para ir á Illa», desde os balcóns do edificio da Autoridade Portuaria, aínda en obras, viu un ano o Combate Naval que aínda hoxe lle pon fin ás festas de San Roque; e sobre todo, nas dársenas 2 e 3, onde quen sabe se dentro de non moito tempo haberá un segundo porto deportivo, había entón un banco marisqueiro. «Aquí foi onde vin tirar o primeiro tiro de fusil, aos furtivos», lembra.

Tampouco a procesión de San Roque é o que era naqueles tempos mozos. «Agora é un desmadre », opina. Por iso ás veces se sente raro. «A festa da auga naceu como naceu. Seguramente eu estaba entre aqueles rapaces que iniciaron a festa. Son situacións que vivín e que agora te sentes estraño». Recoñece que quizais sexa «un pouco conservador» neste sentido, pero cre que o que se faga de novo non ten por que anular o anterior. Sobre todo se o anterior era bo. «A festa da auga anulou o San Roque. Facelo como se facía é imposible. É algo que eu xa dou por perdido», conclúe.