O Breogán e o Fontecarmoa manteñen o seu pulso polo título de Liga da Primeira B de Xadrez

La Voz

AROUSA

17 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A rivalidade arousá protagoniza unha semana máis a actualidade do Grupo B da Primeira División Galega de xadrez. Cun triunfo o pasado sábado no Grove sobre o SAFA A, o Breogán situouse líder en solitario con 21 puntos, polos 20,5 que suma o Club Xadrez Fontecarmoa Casa da Xuventude.

O Breogán superou 3-1 o seu último adversario e rival directo polos postos de ascenso, con triunfos nos seus respectivos taboleiros de David Torres e de Tobo Barral. J.M. Pérez Negro e Heládio Outeiro fixeron candanseu medio punto con sendas táboas.

O CXF Casa da Xuventude, pola súa banda, derrotou o Karpov Amateur por 2,5-1,5. Manuel Conde, fronte ao ruso Khodorov, e Jorge María, cunha cómoda partida ante a apertura inglesa do su rival, o portugués Gonçalves, puxeron de inicio un 2-0 para os vilagarciáns, pero no terceiro taboleiro Dezagoire protagonizou a sorpresa da xornada ao ceder a súa primeira derrota da tempada, a mans de Lesteiro. Unhas táboas de Melio co luso Soares pecharon o enfrontamento.

Tamén na Primeira División, pero no Grupo C, o CXF McDonalds sufríu unha das dúas derrotas da xornada dos equipos do Xadrez Fontecarmoa. No seu caso, co Universitario Ourense A, 1-3. O CXF McDonalds é así sexto do seu grupo -de doce- con 14,5 puntos na clasificación.

Na Segunda División, o CXF La Marina deu a campanada ao vencer a un dos conxuntos da zona media-alta da clasificación, o Lucena B, por 3-1. O cadro arousán segue compartindo o último posto do Grupo E co Marín B, ambos con 11 puntos.

No Grupo C o CXF Caixanova empatou a 2 na casa do USC Compostela e é cuarto con 15,5 puntos, e no D o CXF Baños Print fixo o propio, pero en Vilagarcía, co EXP B e é segundo con 19,5, a 1,5 do líder, o C.X. Chantada.

Na Terceira F, o CXF Limpiezas Sold Out reafirmou o seu liderato (20,5 puntos) vencendo 0-4 o CD Portas Xadrez, co CXF Porto de Vilagarcía -cuarto con 15,5 puntos- asinando idéntico resultado ante o Escola Municipal da Estrada. O CXF All Cleaning perdeu 4-0 co Centro Penitenciario A Lama e é sexto -11,5-.

E na Cuarta División, a xornada deixou estes resultados: Karpov Promesas 3,5-4,5 CXF Autobuses Pereira; e CXF CaixaGalicia 2-6 CXF Hinchables ¡Yupi ya!. O EXP é primeiro con 40,5 puntos, seguido polo EXP Meis, con 34,5, e polo Buses Pereira, 31.