«En Vilaxoán, ou eres do Madrid ou do Barça, só nos unimos para cantar»

La Voz

AROUSA

Traballador do naval, comunista, referente veciñal, escritor... Con moitos folgos para seguir a dar batalla, agora anda enredado cun documental sobre Valle Inclán

06 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Son moitos anos canso de clarexar que el non é Teo Cardalda o músico, aínda que certamente o parecido físico co seu primo é evidente. Esa inclinación artística do compoñente de Golpes Bajos deixou pegada en toda a familia. «Hai unha inquedanza social e artística que xa ven do meu bisavó, que no ano 1919 fundou o pósito de Vilaxoán. Francisco Santos Crespo foi un referente en Vilaxoán, un home loitador. E tamén tocaba o acordeón, como máis tarde o meu avó». Por iso, malia gañar a vida nas fábricas e coa mecánica, Teo Cardalda é moito máis. É un dos fundadores do Partido Comunista na comarca, un referente no asociacionismo cultural, un artista, un escritor, un provocador... E o que queda no tinteiro.

Pero tamén el, como todo o mundo, tivo un principio. Teo Cardalda naceu en 1946 en Vilaxoán, fillo dun carpinteiro. Foron tres irmáns; un deles, ata acadou certa sona como xogador do Arousa. Teo fixo o bachiller no Divino Maestro, e logo estudou Náutica en Vigo. Traballando para Pescanova estivo en Sudáfrica e en Namibia, logo o contrataron como encargado da fábrica de pensos Nuasa en Porriño, con 85 persoas ao seu cargo, e xa daquela rondaba o seu compromiso político. Na clandestinidade, por suposto, que para iso elexiu ser comunista.

Compromiso político

As primeiras reunións do Partido Comunista na comarca, nos anos setenta, eran no monte. Había células clandestinas, e nelas coñeceu Cardalda a Camilo Nogueira, a Carlos Barros, «e a un tal Emilio Pérez Touriño». Logo da legalización do partido, a el lle encargaron formar unha agrupación en Vilagarcía. «Tes que entrar en contacto con Gonzalo Bouza Brey», dixéronlle. Aínda non o coñecía, porque Teo levaba moitos anos en Vigo. E canto se achegou ao café Central, lugar da cita, aínda os dous andiveron a voltas antes de saudarse. Había moito medo.

«¿Que por que o Partido Comunista?» Teo Cardalda non dubida. «Porque era o único que loitaba pola democracia. Os outros estaban debaixo das pedras, e cando saíu o sol, saíron os lagartos». De feito, está disposto a defender perante quen diga o contrario que foron eles, os comunistas, os que facilitaron que se creara en Vilagarcía a agrupación socialista. «Os necesitábamos, porque había un espacio político baleiro. Estábamos nós e logo estaba a dereita. Así que falamos con Giráldez, e púxose en marcha o PSOE. Logo sacamos catro concelleiros no 79, cando gobernamos con eles».

E non mudou de parecer. Segue a se confesar comunista a segue afirmando que o que hai hoxe en día en España é «unha democracia entre comiñas». De feito, el é republicano. «Igual ca miña avoa, que sufriu a Alfonso XIII».

Como calquera político comprometido coa súa vila, Teo Cardalda ten o carné da asociación de veciños de Vilaxoán dende a súa fundación, cando Ramón Patiño del Valle creou unha das máis antigas entidades veciñais de Galicia. Cardalda foi o seu presidente perante seis anos, e garda moi bo recordo desa época. Pensa que o seu legado máis valioso foi a teima coa que pelexaron para que o PXOM incluíra as modificación que eles esixiron. «Contamos coa axuda de Daniel Pino, e pateamos as casas todos os fins de semana para informar aos veciños e facer unha alternativa. Ao final recolleron o 85% das nosas propostas».