A vella escola en Vilagarcía

AROUSA

Iglesias Alvariño, Plácido Castro, Cerecedo ou León XIII son algúns dos nomes da historia da docencia na cidade

06 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Aproveitando que Vilagarcía se prepara para inaugurar unha mostra fotográfica sobre a historia da docencia na cidade, o faiado detense nas crónicas daquela vella escola.

Son historias de nomes grandes, como os de Aquilino Iglesias Alvariño , autor de Cómaros Verdes , o primeiro libro editado en Galicia despois da Guerra Civil (fíxoo Celta, en 1947, dende a capital arousá, por certo) ou o histórico galeguista José Núñez Búa , obrigado a marchar ao exilio, ambos profesores no León XIII. Un destino, o de Núñez Búa, que tamén padeceu Plácido Castro , agasallado dende o 2009 cunha rúa en Carril. Cando á fin voltou do seu desterro británico, dende onde falaba a través da BBC, Castro puido alomenos dar clases de lingua inglesa no Instituto Técnico-Laboral.

Mais tamén historias de nomes menos coñecidos de portas afora, aínda que gravados nas lembranzas de tantos vilagarciáns. O triste sino de Santiago Fernández , un mestre vocacional que habitaba unha casoupa de par do río do Con. Con moito esforzo conseguiu darlle estudos de Medicina, en Madrid, ao seu único fillo. Cando o rapaz gañara xa praza de seu nun hospital, estoupou a besta sanguinaria da guerra. O novo doutor foi chamado a filas para nunca máis voltar. Don Santiago trouxo o corpo e deulle sepultura no camposanto. Cada día ía ao cemiterio cunha cadeira. Aló pasaba a tarde enteira, ata que a noite o mandaba para a casa. Morreu na miseria malia terlle aprendido a ler a media Vilagarcía da época.

Funcionaban tamén pequenas escolas, nas que os pícaros tiñan que levar cadansúa cadeira ao inicio do curso. A escoliña do 15, no que hoxe é Rey Daviña. A de Dona Perpetua , en Juan Carlos I. A escola das Junqueras, Dona Reme e Dona Fina . A de Marujita Mallo , no edificio de Nartallo.

Fútbol entre academias

Na capital arousá proliferaron igualmente as academias. A de máis sona era a que rexentaba Alejandro Cerecedo . Alí aprendíase a mellor caligrafía que se poida imaxinar, de xeito que bancos e oficinas se disputaban os seus alumnos ao rematar os estudos. Cada ano, os rapaces enfrontábanse en partido de fútbol cos escolares doutra academia, a de Ríos, que fundara José Baladía para despois traspasarlla a Victoriano Piñeiro e Guillermo Poyán . Na prensa dos 50 gárdase lembranza mesmo dunha daquelas aliñacións. Os once fenómenos eran Dito, Cantos, Manolito, Roque, Caamaño, Padrón, Lolo, Nito, Jacobo, Vari e Carballo.

Ao señor Cerecedo, o Concello de Vilagarcía pretendeu agasallalo, en 1954, coa súa promoción perante os poderes públicos para a concesión da Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo. Unha traxectoria de 53 anos consagrados ao ensino facíao ben merecente daquela distinción. El, porén, non quixo saber nada do asunto. Considerábase, dixo, perfectamente recompensado polo agarimo dos seus alumnos. A corporación municipal, presidida entón por Jacobo Rey Daviña , recoñeceu, de todos os xeitos, o seu magnífico labor. Houbo outras academias con profesores dedicados e eficaces -a Lobeira, de Adalberto Sopkowsky e Rodrigo García , a de Enot, de Don Enrique e Prieto - pero ningunha cunha letra coma a súa.