O Establecimientos Otero dá a campanada en Irún cun triunfo que pode valer media permanencia

La Voz

AROUSA

23 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Sen nada que perder e moito que gañar, o Establecimientos Otero rachou co seu papel de vítima na visita á cancha do terceiro mellor equipo do Grupo 1 da División de Honra de tenis de mesa, o Leka Enea. En Irún, o equipo cambadés deu a campanada, colleitando un triunfo que lle permite superar o Falcons no séptimo posto da clasificación, cos mesmos 12 puntos e un partido menos co seu adversario pola permanencia.

O Establecimientos Otero acadou un axustado 3-4 ante o Leka Enea, cos habituais dous puntos de Liu Junhui, ante Víctor Santamarta (0-3) e Íker Martínez (1-3). Eduardo Barreiro superou tamén a Santamarta, no que era o 2-3, e Junhui e Adrián Vidal acadaron o cuarto e definitivo punto no dobres ante a parella formada por Martínez e Minhao Wu.

O Liceo, colíder da Primeira

Excelente tamén a xornada para o Liceo Casino de Vilagarcía, que co seu triunfo por 4-2 sobre o Oviedo TM é colíder empatado a 24 puntos co Enmacosa Monteporreiro, ambos con 2 de vantaxe sobre unha SC Padronesa cun partido menos. Sergei Nigeruk e Francisco Monroy, ambos por partida dobre, déronlle os puntos ao cadro vilagarcián, cuxo filial non foi quen sequera de superar o segundo peor equipo da Segunda Nacional (1-5 co San Xoán TM), da que se despedirá sen gañar un só partido.

Na Primeira Nacional o Caixanova Cambados queda practicamente descendido ao caer co antepenúltimo clasificado, o Oviedo, 2-4. E na Primeira Nacional Feminina, o Caixanova Cambados caeu 0-6 ante o Tambre.

A canteira do Cambados TM ofreceu na Primeira Galega estes resultados: Grupo Barros 5-2 Breogán Oleiros; Narón 1-6 Joyería Enrique; e SD Hípica 0-7 Charol. O Chinelas, pola súa banda, gañou os seus catro partidos da primeira das dúas concentracións da fase de ascenso.