O Establecimientos Otero persegue a sorpresa en Santo Tomé fronte ao esixente Borges General D'Olis

La Voz

AROUSA

13 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A derrota a semana pasada en Cambados ante un rival directo pola permanencia coma o Falcons-Petit Travel deixou o Establecimientos Otero nunha delicada situación. O conxunto arousán tentará dar esta tarde a sorpresa ante o Borges General D'Olis e compensar así o seu pinchazo co Falcons cun triunfo sobre o cuarto clasificado da División de Honra de tenis de mesa.

O encontro comeza ás seis da tarde no pavillón de Santo Tomé, co Establecimientos Otero xogando co seu trío habitual, Liu Junhui, Eduardo Barreiro e Adrián Vidal.

Derbi na Primeira Nacional

Tamén hoxe, pero a partir das cinco, Liceo Casino e Caixanova Cambados disputan no pavillón de deportes do colexio Arealonga de Vilagarcía o derbi da Primeira Nacional.

Os dous equipos chegan ao choque con moi diferentes necesidades, pero coa mesma urxencia dos puntos en xogo. O anfitrión, o Liceo Casino, loitando polo ascenso á División de Honra, terceiro na clasificación provisional con 20 puntos, só dous menos co líder. O conxunto cambadés, metido de cheo na guerra pola permanencia, penúltimo na táboa con só media ducia de puntos.

Tamén en categoría nacional, o Liceo Casino Sénior segue queimando xornadas consciente da súa condena ao descenso logo de trece semanas de campionato sen coñecer a vitoria. Hoxe, ás cinco da tarde, visita o Arteal de Santiago.

En féminas, o Caixa Galicia Cambados realiza un dobre desprazamento aos campos do Casa Asturias e do Avilés.

Polo que respecta á canteira do Cambados TM, o Grupo Barros terá mañá un asequible compromiso no feudo do Naronense na fase de ascenso desde a Primeira División Galega. Na liguiña de permanencia, o Joyería Riveiro recibe o Rábade hoxe ás cinco da tarde, no duelo entre os dous líderes do grupo, e o Charol o Narón mañá ás once. Ambos choques, en Santo Tomé. O Chinelas, pola súa banda, ten xornada de descanso na Terceira División, agardando o inicio da segunda fase da liguiña de ascenso.