Victoria crucial do E. Otero na loita pola permanencia a costa do pechacancelas, o Igualada (5-1)

La Voz

AROUSA

02 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Non podía fallar, e non fallou. O Establecimientos Otero asinou o pasado sábado en Cambados un triunfo imprescindible na súa loita pola permanencia na División de Honra do tenis de mesa nacional. O equipo arousán endosoulle un 5-1 ao pechacandelas, o CPP Igualada, nun choque menos cómodo do que fai pensar o marcador final.

Liu Junhui gañou as súas dúas partidas ante Luis Graells, 3-0, e o nixeriano Kazeem Ahmed, 3-1, mentres Edu Barreiro fixo o propio a costa de Jordi Satorras, 3-1, e Lluis Graells, 3-2. Adrián Vidal sumou o quinto e definitivo punto ante Satorras, 3-0, logo de ter cedido o segundo punto en xogo ante Ahmed.

Con este resultado o Establecimientos Otero sitúase cuarto pola cola da clasificación provisional, empatado co Falcons-Petit Travel, un posto por debaixo. Ambos con 8 puntos, catro sobre a zona de descenso.

O Liceo gaña en Rábade

O segundo equipo do Cambados TM, o Caixanova Cambados, emulou o Establecimientos Otero, dando un paso necesario cara a salvación na Primeira Nacional cun traballado triunfo sobre o pechacancelas da categoría, o CTM Cidade de Narón. No seu caso, a domicilio por idéntico 1-5 e puntos de Jacobo Enseñat (2), Ñajo Padín (2) e Fernando Padín (1).

Na mesma categoría, o Liceo Casino de Vilagarcía é terceiro na clasificación a 2 puntos dos colíderes logo de superar 2-4 o Lugauto Rábade. Sergei Nigeruk abríu o marcador cun 0-3 sobre Ramón Becerra. Francisco Monroy caeu despois con Paul Razvan. José Luis Recuna, cun 0-3 ante Manel Iglesia, e de novo Sigeruk, cun 2-3 fronte a Razvan, puxeron de cara o partido para o Liceo. Becerra recurtou cun 3-2 ante Recuna, pero Monroy se resarcíu da súa primeira derrota poñendo o 2-4 final no seu duelo con Iglesia.

O resto da xornada da fin de semana deparou estes resultados: Liceo Casino Sénior 0-6 CTM Coruña (2ª Nac. Masc.); Caixa Galicia Cambados 4-2 Temegal (1ªNac. Fem.); Dez Portas Lugo 3-4 Grupo Barros; Joyería Enrique 6-1 SD Hípica; e Charol 4-3 Artea (1ª Galega); e Chinelas 6-1 Cinania Veteranos (3ª Galega).