Cultura inicia mañá un curso de gaita galega aberto a todo o público e de carácter gratuito

La Voz

AROUSA

20 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A concellería de Cultura de Vilagarcía pon en marcha, a partir de mañá, un curso de gaita galega de seis meses de duración que será impartido polo gaiteiro Agustín Lorenzo. As clases desenvolveranse todos os xoves entre as seis da tarde e as dez da noite. Trátase dunha iniciativa aberta ao público en xeral e a inscrición é de balde. Os interesados poden anotarse nas dependencias do departamento municipal que dirixe Xosé Castro Ratón, ubicadas no auditorio. O prazo remata o 15 de febreiro.

O número de prazas dispoñibles ascende a 20 e a idade mínima para asistir é de sete anos. O curso está ideado sobre todo para persoas que queiran iniciarse neste instrumento. Tanto para aqueles que se acheguen a el dende cero como para quen teñen xa uns coñecementos básicos. En función dos distintos niveis estableceranse varios grupos que irán recibindo a formación precisa.

Todos os alumnos terán como guía o manual de gaita galega de Ramón González González, do que o propio Agustín Lorenzo participou na súa elaboración.

Ademais da gaita, os interesados recibirán tamén clases de solfeo, percusión e pandeireta, para completar así a súa formación no eido da música tradicional. Lorenzo é fillo do coñecido gaiteiro de Catoira Agustín Lorenzo Loroño, fundador do grupo de Brisas do Ulla e colaborador de formacións tan importantes coma Faíscas de Xiabre, Os Areeiras e Milladoiro.